Feminicidio, o novo libro de Carme Adán

Acabo de ler un libro que leva por título Feminicidio. Unha nove orde patrialcal en tempos de submisión. A súa autora, Carme Adán, filósofa, ensaísta e política galega, ofrécenos a todas e a todos, feministas ou non, a oportunidade de reflexionar e debater, sobre a violencia contra as mulleres. E faino como unha achega humilde, di ela, a un proceso de construción dunha sociedade libre de violencia. Tamén di que o seu libro non trata sobre unha palabra. “É, sobretodo unha teoría do feminicidio”.

Venme á memoria unha frase que lle escoitei á autora nunha presentación do libro: “Aprendemos pensando en compañía”.

As Mulleres Cristiás Galegas Exeria tivemos durante un tempo un espazo de reflexión ao que chamabamos “Pensando en Común”. Despois de varias sesións de traballo, o resultado da reflexión vertíase nun documento que faciamos público.

Feminicidio é un libro de contido profundo e linguaxe sinxela

No ano 2011 o traballo fixémolo sobre “A violencia de xénero, violencia contra as mulleres”. O documento, que podedes ler completo na nosa páxina web (www.exeria.org), contén unha visión ampla da realidade con informes e datos contrastados da desigualdade e violencia que padecen as mulleres en distintos ámbitos, incluída a Igrexa. O documento remata cunha denuncia reflectida en varios puntos. Resumo o punto b). “O patriarcado é o sistema que substenta esa situación de dominio, que, por ser de dominio, xa é violenta. O sistema patriarcal non só exerce unha violencia directa, senón que xera a violencia simbólica e a violencia estrutural”.

Carme Adán explica no seu libro que “Coñecer o patriarcado é unha clave para poder desmontar ese grande edificio”. Cando nos preguntamos con respecto á violencia contra as mulleres: Por que? A quen favorece esta violencia? A quen lle interesa? A pouco que reflexionemos, dámonos conta de que temos un sistema construído ao longo de moitos séculos, que se reproduce, que se modifica, “moldeábel, ductil, que se vertebra en cada época”, que nos fai crer que xa somos libres e iguais (espellismo da igualdade). A violencia é moi disciplinadora e non é a expresión da desigualdade, “é o fundamento desa desigualdade”.

Xorden conceptos novos que explican mellor a realidade que queren reflectir. Non é igual violencia doméstica que violencia de xénero. Non é o mesmo femicidio que feminicidio. Carme Adan anímanos a facer a lectura e a valorar o esforzo das pensadoras feministas por criticar os conceptos herdados e buscar outros novos.

O libro ten cinco capítulos, que van desenvolvendo temas como “O silencio mata”, “Mulleres xénero e outros significantes monstruosos”, “O patriarcado non acouga”, “Que importan as palabras”, “Como queremos lexislar” e acaba propoñéndonos o “traballo colectivo de despatriacalizar o coñecemento, a política, o dereito, a sociedade, a vida”.

Moitas grazas a Carme Adán por este traballo de contido profundo e difícil de explicar, pero o seu saber logrou unha linguaxe sinxela que todas e todos podemos ler e comprender con facilidade.

E remato compartindo a frase coa que Xoana Torres acaba o seu poema “Penélope” e que tamén pon punto final ao libro de Carme Adán: “NÓS TAMÉN NAVEGAR”.