Un ano máis, desde a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, celebramos a festa da Madalena o sábado 18 de xullo. Foi unha xornada chea de reencontros coa que concluíamos un curso truncado pola pandemia. Principalmente por esta razón, a palabra reencontro sería a que mellor resumiría o que en esencia foi ese día.
Foi un día revitalizador. Todas xuntas non temos fronteira!
Comezamos a xornada no inicio da Rota da Pedra e da Auga no Concello de Ribadumia (Pontevedra). Camiñando e poñéndonos ao día, chegamos á zona na que desenvolveriamos a parte máis intensa da celebración. A auga foi o eixo que vertebrou a celebración na que fomos, cada unha na súa quenda, achegando distintos textos e reflexións sobre a auga. Léronse escritos (líricos e teolóxicos), composicións para a ocasión, transmitíronse pensamentos, cantóuselle á auga mentres nos acompañaba de fondo unha melodía constante: o correr do río Armenteira. Oramos xuntas desde a corporeidade fundíndonos co contorno: sentindo a terra baixo os pés, o zoar do vento na pel e escoitando a auga, fluíndo coa música e facendo presentes a todas as que non puideron estar.
Foto de grupo. Rosina, segunda pola dereita na primeira fila, compartiu non só este día, se non anos preto da asociación MCG Exeria.
Reparamos na relación que o pobo galego estableceu cos ríos mentres seguiamos o curso do río por medio dun bosque de galería. Tamén houbo un momento para mollar os pés co fin de levar mellor a calor do día e tamén para gozar dun xantar de festa á sombra. Non faltou a música, o baile e a troula. Xurdiu logo a idea de botar a andar un novos apartado na páxina web da asociación (www.exeria.org), no que recoller todas as nosas cancións. Foi idea da nosa querida Rosina chamarlle a este apartado “Imos de troula”. Folga facer unha pausa para lembrar esta compañeira que partiu recentemente antes do previsto. Rosina compartiu con nós non só este día, senón anos na asociación. Que descanse en paz e que goce da liberación no reino da paz. Grazas pola túa vida, autenticidade, compromiso, testemuña e coidado. Canto aprendín de ti, compañeira!
Logo da festa, quedaba a sorpresa estrela da xornada. Con gozo, achegámonos a Pontevedra, onde tivemos un reencontro especial. Quedamos con Engracia Vidal para celebrar o seu 90 aniversario. Con ela compartimos unha animada conversación, algunha que outra canción e moita vida.
Foi un día revitalizador. Que alegría xuntarnos despois de tanto tempo! Que bonito compartir reflexións, oración, espazo, canto e baile! Agradecidas, fixemos unha valoración xeral do día vía telemática, na que destacamos a cantidade de emocións, a celebración sentida, a ledicia do compartir e o coidado tan preciso nestes intres nos que acabamos de saír dun ano tan estraño.
Persoalmente, non teño máis ca palabras de agradecemento. Somos unha comunidade de fe viva e leda cunha fonda comprensión da vida e celebración. Paréceme extremadamente preciso, correndo os tempos que corremos e vivindo unha etapa na que a Igrexa precisa diso: alegría, vida, emoción, sensibilidade e fortaleza. Recuperando esa canción que tanto nos gusta, A Voz das Amigas, de Leilía: “todas xuntas non temos fronteira”.