Este ano a romaxe está dedicada á sororidade, un concepto que nace no feminismo e que se refire ás alianzas entre mulleres (sisterhood ou sorority). A sororidade é un termo recente, aínda pouco conceptualizado, que empezou a desenvolver a antropóloga mexicana Marcela Lagarde na segunda onda do feminismo (1960-1980). É novo o termo, pero a súa práctica é ben antiga, pois podémola documentar historicamente nunha práctica de alianzas continuada polas mulleres de todos os tempos desde os lugares do non poder, para resistir e mellorar a súa contorna. Marcea Lagarde definiuna como “amizade entre mulleres diferentes e pares, cómplices que se propoñen traballar, crear e convencer, que se atopan e recoñecen no feminismo, para vivir a vida cun sentido fondamente libertario”.

Ser quen de construír alianzas que nos beneficien a todas, no pequeno, coa fraxilidade das nosas vidas

Na década dos 90, en América do Norte, na terceira onda do feminismo, a sororidade fixo nacer os discursos da interseccionalidade, incluíndo as alianzas económicas e políticas entre mulleres por riba das diferentes clases, razas etc. Hai unhas características que enmarcan a sororidade, que subxacen nela e que a distinguen doutras formas de solidariedade.

A primeira é a afirmación persoal da precariedade. Sabemos que non temos todas as respostas, que non hai perfección no humano, que todo pode ser ou non ser… e asumímolo como parte da finitude que nos caracteriza. Na sororidade non hai heroes nin líderes carismáticos. Cada quen pon o seu grao de area na construción do precario, unha precariedade que, entre todas, se converte en fortaleza e nos fai quen de mellorar a contorna na que habitamos.

As alianzas sororas nacen en espazos desprovistos de poder. As persoas que se alían en sororidade (non necesariamente mulleres) saben que non teñen o poder, nin pretenden telo. Son alianzas á marxe das lóxicas de dominación patriarcal. Cando as mulleres feministas falamos de empoderamento, estámonos a referir a ser quen de desenvolver esta capacidade de tomar as rendas das nosas vidas, das nosas historias, á marxe das políticas de dominación. Esta é unha característica propia das alianzas feministas e que vemos moi claro, por exemplo, nas beguinas: grupos de mulleres que na Idade Media viven á marxe das institucións sociais e relixiosas, fóra das estruturas de dominación. Na sororidade cada persoa é dona de si, ten obxectivos comúns con outras e vive para poñelos en práctica no mundo, facendo posible unha outra lóxica de cambio desde o colectivo.

Ilustración

Na sororidade subxace logo unha idea de liberdade diferente: a liberdade relacional. Así o explicita Milagros Rivera Garretas1: “A modernidade e a posmodernidade esforzáronse moito por inculcarnos unha idea masculina de liberdade: a liberdade individual ou individualista, liberdade que no mundo se mide en termos de progreso ininterrompido, de expansión sen límites. A sororidade cobra sentido na liberdade relacional premoderna, unha liberdade non individualista”. Nela, os logros e conquistas son colectivas, comunitarias, e fanse en función do ben común. A sororidade é quen de facernos saír do nicho do eu para atoparse e recoñecerse na outra por riba de calquera diferenza social, económica, cultural…

Deixando en suspenso as políticas de dominación, a sororidade ten tamén unha lectura global, planetaria, ecofeminista, que prima a sustentabilidade, non a explotación dos recursos.

O patriarcado sementa a desconfianza entre nós, mesmo a guerra. A sororidade pon en suspenso as desconfianzas, as contraposicións, e é quen de celebrar que todos somos humanos, sen bandos de discordia. Cando na Primeira Guerra mundial, o 24 e decembro de 1914, na fronte occidental os soldados alemáns e británicos saíron das súas trincheiras e deixaron de disparar espontaneamente, desoíndo as consignas que os enfrontaban, foron quen de establecer sororidade. Por un momento, deixaron en suspenso as rivalidades que terceiras persoas establecían entre eles para recoñecerse como irmáns, fillos dun Deus que nos ama, e celebraron o Nadal. Algo máis fondo ca eles, máis poderoso, impelíalles deixar as armas e cantar panxoliñas. Por un momento, nesas trincheiras a orde patriarcal quedou en suspenso e a sororidade abrollou.

Ten unha lectura global, planetaria, ecofeminista, que prima a sustentabilidade sobre a explotación dos recursos

As feministas somos conscientes de que na mitoloxía, na relixión, se reforza teimudamente a oposición entre mulleres. A patriarcal mitoloxía grega píntanos tres mulleres competindo por ver quen é a máis bela. É un home, Paris, quen dita sentenza. A non conformidade co seu veredicto dá lugar á nai de toda as guerras no mundo antigo, nada menos que á guerra de Troia. Na tradición cristiá, o prototipo desta inimizade témola na oposición que se establece entre Eva e a serpe no edén (“cando ela che pique un pé ti esmagaraslle a cabeza”) e despois entre Eva e María. Reconstruír as relacións de sororidade entre Eva e María é o que pretenden as monxas trapenses da Abadía da Nosa Señora de Mississippi, en Dubuque, Iowa na estampa Irmá, eu si te creo. (https://monasterycandy.com/collections/religious-goods)

A sororidade ofrece deixar a un lado as diferenzas e facer pactos entre nós. Aínda que as nosas vidas sexan diferentes, as nosas crenzas distintas, as nosas orixes sociais diversas, temos que ser quen de construír alianzas que nos beneficien a todas, no pequeno, coa fraxilidade das nosas vidas, porque non somos o centro do universo, non somos o embigo do mundo: sabémonos parte dunha historia, dunha sociedade, dun planeta, que ten que seguir cando nos esteamos, que ten que quedar mellor para as que veñan atrás.

1 – María-Milagros Rivera Garretas, Signos de libertad femenina. (En diálogo con la historia y la política masculinas), Biblioteca Virtual de Investigación Duoda (BviD), 2012.