Disque Winston Churchill recibiu a Simone Weil no seu despacho. Naquela altura, a filósofa xa deixara o mundo académico da Sorbona e se apuntara ao carro dos perdedores da historia, empezando a traballar nunha fábrica na que adquiriría o que ela chamaba “a marca do escravo”. Xa publicara tamén Réflexions sur les causes de la liberté et de l’oppression sociale (1934), no que apuntaba que non abondaba con implicarse na teoría, como fai a xente intelectual, senón que había que vivir na propia pel a condición proletaria.

Sumud Flotilla leva asistencia a quen está a morrer de fame

Cando foi ver Churchill, a súa idea era propoñerlle poñer fin aos devastadores efectos da xa segunda guerra mundial. Weil quería formar un destacamento de enfermeiras paracaidistas que se descolgaran no campo de batalla, alí onde a dor e a soidade eran extremas, para, coma pombas brancas de luz, ofrecer coidado e consolo onde a violencia estaba a converter a terra en eira arrasada.

Disque Churchill deu un bote na súa butaca (pode que ata lle caese o puro das mans) e botouna do seu despacho de malos modos, dicíndolles aos seus subordinados que non volveran deixar entrar nunca aquela tola nas súas dependencias.

Weil foi falar con Churchill porque, inxenua ela, pensaba que un primeiro ministro dun país tan importante coma Gran Bretaña repararía nas cousas importantes: na vida, por suposto, e no fundamental que é sostela nas situacións máis difíciles, poñendo en práctica accións sinxelas pero fondas, que a manteñen (arroupar, dar de comer, dar refuxio…).

Non quero pensar que Churchill fose un desalmado. Igual non escoitou a Weil por ser muller —e xa se sabe que as mulleres…—, ou porque as roupas que levaba postas non ían de acordo coa etiqueta que se lle esixe a quen vai ver un primeiro ministro… Quen sabe!

O caso é que Churchill tampouco debía ler moito o seu paisano Chesterton, home inglés, branco e culto coma el, cando afirmaba, desde a súa atalaia de pensador, que a vida ordinaria e as verdades que a xente do común intúe adoitan ser máis sabias, ter máis raíz, que as teorías complexas e abstractas. A experiencia humana directa é o que verdadeiramente vale. Para Chesterton, facer o que hai que facer —o básico: dar de comer a quen ten fame, atender a quen está ferido, coidar a quen sofre— son actos que por si mesmos teñen a riqueza do humano, moito máis plenos na experiencia que a actividade intelectual. (Lc 17,10)

A Global Sumud Flotilla rumbo a Gaza lembroume a Simone Weil. Os seus 52 barcos, firmes e perseverantes (iso é o que significa o termo sumud en árabe) coas preto de 500 persoas a bordo, son esas enfermeiras coas que Weil soñaba: descolgándose no campo de batalla, rompendo un infame bloqueo en contra da vida.

Cando vexo a Sumud Flotilla   facendo o que hai que facer —levando alimentos e asistencia a quen está a morrer de fame— non podo menos que pensar que o soño de Simone Weil está sendo hoxe. Que a única forma directa de parar o sufrimento e a dor que traen as guerras é poñer unha pinga de auga na boca de quen ten sede, unha venda en quen está ferido, dar de comer a quen ten fame… (Mt 25,31-46)

Todas as persoas cristiás deberiamos viaxar na Sumud Flotilla!