Si, tiña que ser un clamor, un clamor de protesta, de solidariedade, de apoio, de cariño… E que foi? Un clamor, pero de silencio. Triste silencio ante o que me pregunto, que somos as mulleres para a nosa igrexa?
O 13 de xuño foi domingo, un domingo triste para as mulleres, e tamén para os homes, non o dubido. Seguramente en moitas comunidades houbo un espazo na celebración, de recordo, de oración, de solidariedade con esa nai da que alguén se sentiu dono e que quixo causarlle o dano máis grande que se pode causar a unha persoa.
Pero eu esperaba que ante tanta dor a institución -como tal- tivese unha palabra. Por que ese silencio?
A raíz da violencia de xénero é precisamente a desigualdade entre homes e mulleres. Considerar que as mulleres somos inferiores aos homes non é novo, vén de lonxe, de moi lonxe, e parece que non ten máis solución que educación, educación e educación. Desde pequenos, os nenos e as nenas teñen que telo claro. E mentres non eliminemos esta lacra da desigualdade e se siga considerando que as mulleres somos inferiores, a violencia de xénero vai continuar, e cada vez peor, porque xa non é hora de calar, nin de aturar. Xa é hora de ir poñendo as cousas no seu sitio e iso supón perder privilexios, moverse do sitio, deixar paso, relacionarse doutra maneira. Resultado: o que estamos vendo, “ou miña, ou de ninguén”.
A nosa igrexa non é un exemplo de institución igualitaria. As mulleres estamos loitando moito para que o sexa. O Papa Francisco vai abrindo timidamente camiños neste campo pero aínda falta moitísimo para chegar.
O silencio da igrexa ante a violencia de xénero… será porque no fondo sabe que é cómplice?
Cala porque mantén espazos pechados para ás mulleres, porque non as considera dignas de ocupalos ou de exercelos?
Cala porque é incapaz de suprimir da liturxia determinados textos que proclamados hoxe, por moito que se expliquen, son ofensivos e discriminatorios para as mulleres?
Cala porque é incapaz de admitir que existe unha violencia que sofren as mulleres por seren mulleres, que chamamos violencia de xénero e que ten causas e efectos distintos a outro tipo de violencias?
Por que lles custa tanto seguir neste campo a Xesús de Nazaret?
“Señores masculinos” dicía unha moi querida amiga. Señores masculinos, se non traballamos pola igualdade, seremos cómplices da violencia de xénero, e non valen os silencios.