O sábado 8 de outubro, ao remate da misa das peregrinacións, Monseñor Xulián Barrio non esperaba atopar cun grupo de mulleres cantando cancións reivindicativas no lugar ideal para sacar a foto de grupo.

Tratábase do final dunha marcha que mulleres católicas de toda Galicia organizaran en paralelo aos actos de Roma. O domingo anterior, no Vaticano, presentáranselle ao Papa Francisco as conclusións do “Sínodo das Mulleres”. E, como non todas as mulleres que participaron neste proceso ían ir ata alá, os grupos a nivel español decidiron presentarlles as mesmas conclusións aos seus bispos. As marchas nas principais vilas dos seus territorios eran o inicio desta difusión a nivel nacional. Por certo, a estas alturas deberon de recibir o documento (por rexistro, por carta, en persoa…) practicamente todas as dioceses1.

Os bispos españois teñen o mesmo documento que se lle entregou ao Papa coas conclusións do Sínodo das Mulleres

Pero eu dubido moito de que monseñor soubese deste proceso de reflexión que mulleres de todo o mundo fixeran sobre o seu papel na Igrexa. Nin que o curso pasado a Igrexa (entendida como pobo de Deus) se tivese mergullado non nun, senón en dous procesos sinodais simultáneos: un promovido e convocado polo Papa Francisco, o Sínodo da Sinodalidade, e outro promovido e convocado pola CWC2, o Sínodo das Mulleres. Ou que en Galicia se tivesen feito dous grupos de traballo para participar no proceso sinodal das mulleres, un en Santiago de Compostela, promovido pola Asociación de Mulleres Cristiás Galegas EXERIA, e outro en Vigo, promovido pola Comunidade do Cristo da Vitoria.

grupo de mulleres

Para celebrar a fin de todo o traballo feito, as mulleres marcharon cantando polas rúas de Compostela, portando pancartas con imaxes de mulleres referentes como María Magdalena, Tareixa de Ávila, Edith Stein ou a propia Exeria. Precisamente, a marcha comezou coa inauguración dunha praza co nome desta muller peregrina e co corte de pelo simbólico en solidariedade coas mulleres iranianas. O acto non pasou inadvertido para os viandantes (a maioría mulleres maiores), que paraban a felicitar a iniciativa, a dar azos e incluso algunhas quixeron facer fotos co grupo.

pancartas

Esta marcha rematou no Pazo Arcebispal, cantando, danzando e lendo as liñas mestras do documento de conclusións. Foi nese momento cando a comitiva eclesial saíu pola porta da Acibechería. Un mozo portando o báculo, varios acólitos de branco e o propio bispo co seu casquete vermello na cabeza. O ciclo de emocións para eles debeu ser: sorpresa, alegría pola música (o ritmo da Rumboia fai mover ata os pés máis duros) e confusión polas letras (o retrouso do “Ai señor cura, vaia pra casa, que aquí están as mullerazas” tardaron en pillalo, pero notouse nas caras). E para elas, sorpresa, impresión (por como reaccionaría a comitiva ou os gardas de seguridade) e afouteza (“Como non lle imos cantar ao noso bispo?”). Afouteza tiveron varias das integrantes que se achegaron a D. Xulián para invitalo a sacar unha foto con elas e contarlle de que ía iso do Sínodo das Mulleres.

pancartas

A pesar de manter o sorriso, monseñor debeu pensar para si que se non tiña a foto de grupo que pensaba facer nun principio, tampouco ía sacar unha foto con esas mulleres. Pois, aínda que as que se achegaron a falar con el eran moi agradables e dicían cousas con senso, iso de apoiar reivindicacións non era o seu. Mellor marchar para a casa, como dicían na canción, e mañá sería outro día. Ata o luns non chegaría o documento coas conclusións esas e, coma de costume, xa llo mandaría ler a algún secretario, que filtraría aquilo que non fose importante, como, por exemplo, iso da igualdade.

1- O documento de conclusións en galego pódese consultar en www.exeria.com
2- Web oficial da CWC – Catholic Womens Council: www.catholicwomenscouncil.org/es/