©Foto: Mary Daly en 1987 (Gail Bryan en https://www.ncronline.org/blogs/ncr-today/mary-daly-exposed-slimy-underbelly-religions-treatment-women)
Na cristoloxía tradicional, defender a masculinidade de Xesús como unha necesidade ontolóxica e non como mera variable antropolóxica supoñía a defensa da superioridade do xénero masculino. Esta afirmación estendida á eclesioloxía é a que impide o acceso das mulleres ao maxisterio e a ordenación, tamén provoca que a marioloxía coloque todos os atributos femininos en María, furtándollos ao Deus cristián…
Diferentes teólogas feministas, encabezadas por Rosemary Radford Ruether puxeron en evidencia a incongruencia dese discurso co amor de Deus, amor que non distingue entre fillas e fillos. Tocaba logo revisar os tratados da teoloxía lastrados de machismo.
Apetécevos?? Pois a anotarse.
Para poñer en evidencia esta cuestión é que eliximos como imaxe para a nosa tarxeta a figura dunha muller crucificada, unha Christa. Unha imaxe similar a esta pendurouse no edificio da ONU en 1976, e algo despois na catedral de San Xoán desta mesma cidade. Os teólogos máis conservadores consideraron que tal cousa era un sacrilexio, mentres que os máis progresistas pensaron que se estaba a glorificar o sufrimento das mulleres o que resultaba a todas luces unha barbaridade. A intención da imaxe é demostrar o amor de Deus polas mulleres que están a ser crucificadas, vítimas dun sistema patriarcal inxusto, da mesma forma que inxustamente fora crucificado o Fillo.
Se na cruz de Xesús estamos todos, homes e mulleres, se a súa resurrección nos rescata da morte a todos por igual, hai que revisar o que se di de Xesús o Cristo e desde onde se di. A intención da teoloxía feminista é abrir unha nova época no discurso teolóxico, liberalo do patriarcado, para que poida desaparecer o machismo da práctica pastoral. Con textos de diferentes teólogas como Isabel Gómez Acebo, Dolores Aleixandre ou Carmen Bernabé, revisaremos as nosas cristoloxías para que nos axuden a desenvolvernos como auténticas e completas fillas de Deus.
Como novidade, este ano vanse crear dous grupos de ETF, un na Casa Xohana Torres, en Santiago, ás 18h os xoves 18/01, 15/02, 21/03, 18/04 e 23/05 (anotádevos no mail mcgexeria@gmail.com) e outro en Vigo, na Parroquia do Cristo da Vitoria, os luns 29/01, 26/02, 25/03, 29/04 e 27/05 ás 18,45h (anotádevos por what’sapp no 658 370 409)