Revisitando Míriam de Magdala

Carmen Bernabé, profesora de Teoloxía na Universidade de Deusto, é unha das voces máis autorizadas no estudo da Biblia desde unha perspectiva crítica. Especializada en mulleres e cristianismo, nesta entrevista analiza sen concesións as representacións contemporáneas de Xesús e o papel da muller nos evanxeos.

Carmen Bernabé

The Chosen é a última película/serie sobre Xesús. Que opinión che merece?
Non vin a serie, pero vin a película, que é un resumo de varios capítulos, e non me gustou. Estaba desexando que rematase.

É un produto do evanxelismo conservador americano. Presenta un Xesús simpático, amable, moi ao estilo do norteamericano medio. Está feita para introducir emocionalmente no relato a quen a vexa, evitando, quizais, o poder decatarse de onde parte e o que propón. Trátase dunha lectura fundamentalista ante a escritura que defende a inerrancia (a Biblia non pode equivocarse) e propón e utiliza unha lectura literalista dos textos evanxélicos. Para fundamentar esta idea, na película móstrase a Leví-Mateo anotando todo o que di Xesús. Nun momento, pregúntanlle se apuntou todo. É evidente que descoñece ou non acepta o coñecemento crítico sobre a composición e redacción dos evanxeos (da Biblia), admitido hoxe por católicos e reformados, pero non polos evanxélicos fundamentalistas.

“O dó e os lamentos das mulleres eran considerados perigosos”

Nesta liña preséntanse os personaxes falando con anacos do evanxeo. E do máis enervante é escoitar a Xesús de Nazaret, falando co texto do evanxeo de Xoán, o evanxeo máis elaborado teoloxicamente pola comunidade. E digo que é enervante porque a película pretende presentar un Xesús histórico e comete bastantes anacronismos.

Lidia Rodríguez escribiu sobre a presentación de María Magdalena nesa serie. Está accesible en: Lidia Rodríguez, “The Evangelical Reception of Mary Magdalene in The Chosen Series, Seasons 1 and 2”, Religions 2024, 15 (9), 1083 https://doi.org/10.3390/rel15091083

— No teu libro falas da diferenza entre relatos e historia, cal escolles ti para estudar a figura de María Magdalena?
Teño en conta ambos. Partindo dos relatos, lidos e estudados criticamente (é dicir, coñecendo o proceso de composición e o seu contexto, así como o contexto dos sucesos que narran), trátase de chegar a saber algo das figuras históricas que foron lembradas polas comunidades e o como o foron en cada caso e situación. Hai unhas lembranzas comúns, que se repiten, a pesar de teren sido elaborados de formas diversas por cada evanxelista, que lidos no contexto do momento poden darnos unha idea do fundamento e feitos históricos que lembran.

Carmen Bernabé

— Que memoria hai nos evanxeos e nos primeiros escritos?
A teoría da memoria fala de diversos tipos de memoria, cuxos nomes varían segundo os autores. Podemos falar de: memoria comunicativa (que algúns chaman colectiva): aquela que rexistra o pasado inmediato compartido por un grupo. Abarca dúas ou tres xeracións pois está condicionada pola existencia de portadores vivos. A memoria cultural que é un paso posterior, cando os contidos se fixan de forma duradeira mediante elementos culturais: textos, imaxes, etc. Posibilita a imaxe e a conciencia grupal. Pode reinterpretarse e transformarse, máis ou menos, segundo momentos, circunstancias e intereses.

“A película comete bastantes anacronismos”

Os evanxeos son memoria cultural, pero conteñen a memoria comunicativa que, ao poñerse por escrito, se fixa de forma duradeira nunha memoria cultural que axuda a manter a identidade grupal. A través do estudo crítico dos evanxeos e os escritos pódese acceder, en certa medida, a aquela primeira memoria comunicativa que nos leva tan preto dos feitos, dos acontecementos vividos e interpretados.

— Por que a memoria de María Magdalena é perigosa?
Porque o que se lembra é importante e novidoso e serviu para fundamentar certas praxes femininas que chegaron a ser problemáticas nalgúns momentos e contextos da conformación do cristianismo como sistema relixioso independente e na súa historia posterior. Mesmo hoxe en día, podemos asistir a diferentes intentos de recuperar-apropiarse da súa memoria, interpretada de formas dispares.

— Durante o relato da Paixón, por que as mulleres van á tumba? Como se facía dó na época de Xesús?
O relato da Paixón, a pesar de ser un relato moi antigo, está elaborado teoloxicamente por cada evanxelista, de acordo cos seus plans literarios e teolóxicos. Por iso, o motivo da ida á tumba das mulleres, unha vez pasado o shabat, varía nos diversos relatos evanxélicos, aínda que en Xoán se pode adiviñar aínda o motivo do dó (María Magdalena estaba xunto ao sepulcro chorando). É o evanxeo de Pedro o que fala diso. O dó e os lamentos das mulleres eran considerados perigosos e, na antigüidade, estaban controlados e regulados. Nos evanxelistas parece detectarse unha precaución ante esa actividade. No evanxeo extracanónico de Pedro (s. II), porén, pode ter quedado unha pegada do verdadeiro motivo da visita das mulleres á tumba. Di así:

Na mañá do Domingo, María a magdalena, discípula do Señor, atemorizada a causa dos xudeus pois estaban rabiosos de ira, que non fixera no Sepulcro do Señor o que adoitan facer as mulleres polos seus mortos queridos, tomou ás súas amigas consigo e veu ao sepulcro no que fora depositado. Pero temían non foran ser vistas polos xudeus e dicían: “Xa que non nos foi posible chorar e lamentarnos o día aquel en que foi crucificado, fagámolo agora cando menos xunto ao seu sepulcro. Pero quen nos removerá a pedra botada á porta do sepulcro de maneira que, entrando, nos sentemos xunto a el e fagamos o que é debido…? E se isto non é posible, botemos cando menos na porta o que levamos na súa memoria e batámonos o peito ata que volvamos á nosa casa.” (EvPe XII, 50-51)

Esta conversa continuará no número de setembro!