Abderrahim, responsable da comunidade musulmana galega, Xosé Luís Zapata, pastor evanxélico, e Rubén Aramburu, cura católico, aunados sobre do Cancioneiro de Ajuda.
Primeira mesa de comunicacións
A xornada estivo ben organizada, cun amplo e variado conxunto de aspectos que tiñan que ver co lema da xornada. Despois da presentación da mesma por parte de responsables do Consello da Cultura Galega, tiveron lugar as tres primeiras comunicacións.
a Igrexa galega nunca fixo ningún plan de normalización lingüística na liturxia
O investigador e xornalista David Canto Veiga falou do traballo de campo realizado en 141 concellos de Galicia para analizar a frecuencia das inscricións de lápidas mortuorias en galego. En xeral, o número é reducido. Destacan o 21% de Rianxo, o 16% de Castro de Rei, o 15% de Lourenzá, mentres que o resto dos concellos teñen un 1-2%.
Victorino Pérez Prieto falou dos séculos escuros do galego, sinalou o desleixo histórico por parte da Igrexa galega e subliñou a postura proactiva dalgúns clérigos e dun considerable número de leigos galegos que dignificaron a fala.
Victorino insistiu na importancia do “Bienio Irmandiño”, unha campaña promovida pola Asociación Irimia durante os anos 1999-2000 para a galeguización da Igrexa galega. O feito público desta campaña que tivo máis repercusión foi o de “Galegos de por vida”: a firma ante notario dun manifesto no que se expresaba o desexo de que a morte se celebrase en galego, instando as familias a que así o fixesen. Houbo un bo número de persoas que asinou tal documento, pero a iniciativa foi perdendo forza sen moita transcendencia.
A continuación, quen isto escribe expuxo algunhas das razóns polas que á Igrexa lle custa avanzar neste eido: a idea de que o castelán é máis digno que o galego, e tamén que o uso do galego é cousa de separatistas, sen ver que a fala é o resultado dun esforzo cultural inmenso por parte de millóns de galegos e galegas ao longo de séculos, o que debería facernos sentir orgullosos. É o noso, somos nós.
Ademais, mencionouse tamén a reacción conservadora da Igrexa despois do Vaticano II; nos seminarios, o uso do galego non tiña ningún interese pastoral; unha formación relixiosa que, aparentando unha elevada espiritualidade, conduce a comportamentos pouco evanxélicos, como é desprezar a cultura, a vida e a historia da xente “pobre”.
Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística e persoal do Consello da Galega abrindo o encontro.
A diminución das persoas transmisoras do uso normalizado do galego pola morte dos nosos maiores e dos curas comprometidos coa normalización tamén é preocupante.
Imos conseguindo o que se pretende: “Vivir e perdurar na nosa lingua”
A designación como bispos de persoas non galegas tamén é un atranco, non tanto polos bispos en si, senón porque, ao acollelos, nós mesmos renunciamos ao uso do galego. Máis serio é o problema dos curas que veñen de fóra e, sen un coñecemento previo da realidade cultural de Galicia, pasan a rexentar parroquias.
Insistiuse na necesidade dun plan de normalización do galego neste campo concreto: ter claro a onde queremos chegar e, logo, paso a paso, accións, tempos, revisións, correccións, sen impoñer, convencendo… un traballo paciente e firme.
Empoderar á xente, axudando a ver que o galego é un orgullo para nós. Ofrecer materiais de forma axeitada para ir convencendo, ser pacientes pero constantes, respectuosos pero motivadores. Os escritos do bispo Araúxo Iglesias son de grande axuda para isto. E manter sempre un talante amable, acolledor, servidor.
David Canto Veiga, Victorino Pérez Prieto e Manuel Regal Ledo dispostos a dar a súa comunicación.
Segunda mesa de comunicacións
Estivo formada por un pastor evanxélico, Xosé Luís Zapata, un representante da comunidade musulmá, Abdel, e o cura católico Rubén Aramburu Molet. Resultou interesante este encontro. Os evanxélicos teñen en galego un NT e un libro de historias bíblicas para nenos; nos ritos funerarios usan o castelán. Os musulmáns —40.000 en Galicia, repartidos en 33 comunidades— ven como son os seus fillos nados aquí, galegos, os que se inician no uso do galego. Ambos os grupos andan moi preocupados por dispoñer de cemiterios propios. E Rubén, el si, promotor do galego, subliñou a resistencia ao galego entre o clero novo.
Terceira e cuarta mesa da tarde
Na primeira hora da tarde, persoal de diferentes funerarias falou do posible uso do galego nas notas necrolóxicas, nos comunicados radiofónicos ou nas lápidas das tumbas. Sobre un 5% das notas están en galego. Mostraron unha actitude positiva ao respecto.
No último momento, persoal do propio Consello da Cultura Galega comentou proxectos derivados de encontros anteriores que deron bos resultados para o incremento do uso do galego.
Do dito e traballado neste encontro tamén se extraerán algunhas liñas de traballo que se compartirán coa sociedade para ir conseguindo o que se pretende: “Vivir e perdurar na nosa lingua”.