Alba Crespo Rubio

A partir do feito evidente de que a pandemia prexudicou economicamente certos colectivos e sectores económicos, pero non outros, e no marco e cos principios das finanzas éticas, xorde a idea da creación dun fondo de reactivación da pequena economía, baseado na solidariedade. Así naceu A Colmea, un proxecto que estivo aberto até finais de 2020 e que agora podemos avaliar con máis perspectiva. Falamos con Alba Crespo Rubio do equipo que xestiona a Fundación Finanzas Éticas

Como xorde esta idea e en que consiste?
Era marzo cando empezou algo que cambiou a nosa mirada do mundo. Pasou case un ano e a Covid-19, este virus que nos ensinou que era unha pandemia e as súas consecuencias, segue condicionando a nosa vida cotiá.

Daquela propuxémonos sumarnos aos esforzos que se estaban facendo cun fondo mutuo para a reactivación e reconversión de proxectos de economía solidaria.

a proposta grupos locais seleccionáronse 20 proxectos con varios criterios

Así, a Colmea é un fondo para dar apoio económico a 20 proxectos da economía social e solidaria de todo o Estado. Pequenas iniciativas afectadas desde o primeiro momento pola crise catapultada pola pandemia, o parón económico e a incerteza da situación. Pequenos negocios e entidades que viron diminuída a súa actividade e fonte de ingresos e que xa solicitaran apoio das entidades que as financian para poder adaptarse.

O formato é o dunha plataforma web en que se dan a coñecer todos os proxectos participantes e no que se podía apoiar de varios xeitos: doando soamente, pero tamén coa opción de que unha parte da doazón fosen vales de compra de bens e servizos ás diferentes iniciativas.

Detrás destas cousas sempre hai, cando menos, unha idea e un motor. Quen está detrás da iniciativa?
Na Fundación Finanzas Éticas tiñamos claro que o papel que podiamos xogar era importante para mobilizar recursos aos proxectos máis afectados por esta crise. E tamén que era un momento importante para facer rede, activar a solidariedade, axudarnos entre todas.

A esta primeira pedra uníronse os esforzos do banco cooperativo Fiare Banca Ética e varias entidades de microfinanzas de diferentes territorios que se organizan en REFAS (Rede de Finanzas Alternativas e Solidarias), coas que decote traballamos.

Irmandade aberta. A Colmea: Fondo mutuo para a reactivación da economía solidaria
Escola de bioconstrución A Casinha

A partir desa idea inicial, como se foi desenvolvendo, que tipo de proxectos foron beneficiarios?
Son as asociacións locais as que coñecen o territorio, os proxectos financiados e as súas necesidades. Elas foron as que propuxeron os proxectos para seren beneficiarios da Colmea.

O seguinte paso foi unha comisión formada por REFAS, Fiare Banca Ética e a nosa Fundación que se encargou de seleccionar os 20 proxectos con varios criterios. Por exemplo, que manifestasen algunha necesidade específica froito da crise, como moratorias ou ampliacións no prazo do retorno do crédito, que tivesen enfoque de xénero, que houbese presenza do ámbito rural, e sobre todo que tivesen proxectos de reconversión ou de adaptación á situación.

Verificamos, reunión tras reunión, que en momentos de dificultade hai redes de apoio

De Galicia houbo tres proxectos moi potentes e diversos entre eles: 7H Cooperativa Cultural, unha cooperativa que busca transformar a sociedade a través da arte e o feminismo, o restaurante vegano e ecolóxico Factoría Vegana e a Escola de Bioconstrucción A Casinha. O vínculo con elas foi a Asociación O Peto, membro tamén de REAS (Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria) e Fiare Banca Ética.

En 2020 rematou o período de execución. Cal é a avaliación da iniciativa?
A primeira valoración é numérica: conseguimos os 20.000€ que nos propoñiamos para distribuílos entre todos os proxectos e apoialos con ese coxín de solidariedade. Estamos contentas con este resultado. É certo que é un momento en que estamos en mil cosas, hai moitas necesidades e é difícil decidir a que crowdfunding achegar recursos ou a que iniciativa solidaria destinar enerxías. Aínda así, hai moitas persoas que participaron na Colmea, que é unha posibilidade entre tantas.

Tamén hai un factor cualitativo que é a proximidade que logramos nestes momentos de “pantallas”. Foi unha campaña de moitos encontros virtuais, de buscar o contacto con todos os proxectos e a súa contorna, e de vincular as socias e amigas de Fiare Banca Ética e a Fundación coas iniciativas do seu territorio. Non dubidabamos que existía esta rede, pero reunión tras reunión, puidémolo comprobar: en momentos de dificultade faise palpable.

Como se pode apoiar, ser parte disto?
Hai moitas formas de ser parte das redes de economía social ou de finanzas éticas. Seguro que no teu territorio hai algunha asociación ou entidade de finanzas solidarias, como AIS O Peto.

Tamén podes contactar cun dos GITs (Grupo de Impulso Territorial) de Fiare Banca Ética, que son persoas socias da cooperativa que teñen como obxectivo difundir e promover iniciativas deste tipo, á vez que participan das decisións de Fiare Banca Ética.

Ou estar atentas á actividade da Fundación Finanzas Éticas a través das nosas redes sociais https://twitter.com/ffinanzaseticas e https://www.facebook.com/ffinanzaseticas

GIT Galiza Norte:
Panxea , Rúa do Hórreo nº 9-11, 15.702, Santiago de Compostela.
git.galizanorte@fiarebancaetica.org

GIT Galiza Sur:
Sede cooperativa Árbore en Vigo , R/ López Mora, 30, Vigo
git.galizasur@fiarebancaetica.org

O feito é que unha liberdade económica só declamada, pero onde as condicións reais impiden que moitos poidan acceder realmente a ela convértese nun discurso contraditorio. Palabras como liberdade, democracia ou fraternidade baléiranse de sentido. Mentres o noso sistema económico e social produza unha soa vítima e haxa unha soa persoa descartada, non haberá unha festa de fraternidade universal. Unha sociedade humana e fraterna é capaz de preocuparse para garantir de modo eficiente e estable que todos sexan acompañados no percorrido das súas vidas, non só para asegurar as súas necesidades básicas, senón para que poidan dar o mellor de si…

Carta Encíclica “Fratelli Tutti” sobre a fraternidade e a amizade social. Nº 110.