No mes de setembro pasado tres relixiosas da Sagrada Familia de Burdeos, Rosa Fernández Calle, Paquita Mutuberria Pikabea e Izaskun González Garmendia deixaban a súa casa en Abadín, Lugo, despois de 33 anos de vivir, animar e compartir. IRIMIA quixo conversar con elas neste momento tan significativo da súa traxectoria e presentalas aquí na primeira entrega desta serie que demos en chamar “irmandade aberta”, con casos e cousas que xa están pasando e que teñen moito que ver co que se di na carta Fratelli Tutti de Francisco. Manolo Regal axudounos nisto.
Un ser humano está feito de tal xeito que non se realiza, non se desenvolve nin pode atopar a súa plenitude se non é na entrega sincera de si mesmo aos demais. Nin sequera chega a recoñecer a fondo a súa propia verdade se non é no encontro cos outros: Só me comunico realmente comigo mesmo na medida en que me comunico co outro. Isto explica por que ninguén pode experimentar o valor de vivir sen rostros concretos a quen amar. Aquí hai un segredo da verdadeira existencia humana, porque a vida subsiste onde hai vínculo, comuñón, fraternidade; e é unha vida máis forte que a morte cando se constrúe sobre relacións verdadeiras e lazos de fidelidade.
Carta Encíclica “Fratelli Tutti” sobre a fraternidade e a amizade social. Nº 87.
Así que logo 33 anos en Abadín?
Pois si. Van aló 33 anos que chegamos a Abadín. Foi no 1986, cando Rosa, Paquita e Esperanza Villanueva empezamos a buscar a posibilidade de ir vivir ao mundo rural en Galicia. Parecíanos que, dada a pouca valoración que en todos os sentidos se lle daba ao rural, era oportuno levar a Boa Nova de Xesús fundando unha comunidade nalgunha zona onde non houbese moita presenza relixiosa e se vivise dunha maneira pobre e sinxela. Non respondiamos á petición de ningún bispo nin cura. Tratábase dunha busca desde nós mesmas, seguindo a chamada do Espírito desde a nosa Congregación.
Chegamos a Abadín nunha busca desde nós mesmas, queriamos ser unhas máis entre a xente
Por que logo en Abadín?
Conectando con persoas coñecidas empezamos a buscar sitio na diocese de Mondoñedo-Ferrol. Don Uxío García Amor, daquela Vigairo Xeral, Xosé Antón Miguélez e Manolo Regal, curas en Romariz, acolléronnos fraternal e agarimosamente. Ofrecéronnos para vivir a reitoral de Abadín que estaba deshabitada. Instalámonos nela en setembro do 1987.
E de que viviades?
O bispado ofreceunos unha axuda por servizos catequéticos, pero nós queriamos vivir do noso traballo remunerado como unha familia máis, compartindo loitas, festas, a fe, e sobre todo vivir en fraternidade con todos desde a xente máis necesitada e excluída.
Ese era, logo, o voso proxecto de vida, sen máis?
Si. Queriamos inserirnos entre os veciños e veciñas, ser unhas máis entre elas, aprendendo a vivir cos costumes que había aquí, co idioma, con todo, e desa forma vivir o evanxeo ao estilo das primeiras comunidades cristiás, na Sagrada Familia, “para espallar e fortalecer a fe en todos os ambientes”.
E todo foi indo conforme a ese plan?
Si, menos que no 1988 Esperanza, que tanto traballara preparando este proxecto, morreu nun accidente de trafico. Neste momento Izaskun veu para substituíla.
E destes conseguido vivir do voso traballo?
Pois si, claro, Rosa foi traballando de enfermeira, que tiña esa formación; Paquita no colexio de María Mediadora, en Vilalba, onde se atendía a nenos e nenas que proviñan de familias con problemas, e Izaskun no servizo doméstico polas casas. Iso era o que queriamos, para ser coma unhas de tantas. Vivir e compartir con outras persoas, como tamén outras persoas compartían con nosoutras. E así ata que nos fomos xubilando.
Convivimos activamente coa veciñanza e axudáronnos a medrar na fe e a vivir contentas
E a xente que opinaba, que vos dicían?
Despois da estrañeza primeira, fóronnos acollendo coma unhas veciñas máis, con confianza. Algunhas veces interesábanse por cousas da nosa vida, como cando nos preguntaron como nos organizabamos cos cartos, e, ao explicarlle que todo o tiñamos en común e que compartiamos os nosos cartos con outra xente que tiña necesidades, e con outras comunidades, sorprendíanse, valorábano, gustáballes…
Non eran moitas as monxas que decidían vivir na aldea, non si?
Naqueles anos creáronse varias comunidades relixiosas no rural de Galicia e pronto sentimos a necesidade de comunicarnos. Empezamos a reunirnos e foi medrando entre nós unha acollida e amizada preciosa, que seguimos gozando e coidando.
Diciades que participabades nas cousas da aldea, por exemplo?
Pois, mira, na forte resposta popular ante a cota empresarial, nos problemas co leite, as minas, o Prestige…, foron oportunidades para medrar na necesidade de unión entre todos.
Chamaría a atención a vosa presenza nesas lides, non?
Igual si. Nós convivimos activamente coa veciñanza e axudáronnos a medrar na fe e a vivir contentas.
Ímonos de aquí con moito no corazón, na vida
E vós axudabades a que a xente tamén medrase na fe e vivise contenta?
Supoñemos que si, iso é o que tamén queriamos. Colaborabamos cos rapaces e rapazas na preparación para vivir os Sacramentos. Participamos no Movemento Junior, en excursións e convivencias. Tamén formamos parte do Movemento Rural Cristián, e participamos na lectura comunitaria do Evanxeo con xente de diferentes parroquias. Participamos tamén nos proxectos pastorais da diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Que aprendestes dos vosos veciños e veciñas?
Moitas cousas: a orar en grupo, onde moitas veces as súas expresións deixábannos sorprendidas. A vivir co pouco, co necesario, sen acaparar. A compartir o que hai na casa: ovos, sementes, produtos da horta, leña. A relativizar moitas cousas. A paciencia para observar, esperar o momento oportuno, non acelerar procesos. A humildade, a atención e coidado dos veciños, especialmente da xente máis débil. A capacidade de relación e de festa. A riqueza do idioma e da cultura con todas as súas variantes. O valor calado e fundamental das mulleres…
Moitas cousas, non?
Si, moitas cousas. Non sei o que nós puidemos deixar de ben entre a veciñanza, pero ímonos de aquí con moito no corazón, na vida. E por iso, ao marchar, queremos cantar esa oración que cantamos tantas veces e que expresa moi ben os nosos sentimentos, sabes? Esa que di “Porque es grande noso Deus e vén de ti canto é bo, desde esta nosa terriña, dámosche grazas Señor”
E por que vos ides, logo, de Abadín?
Non por querenza propia, pero había que reorganizar as comunidades da nosa Congregación; somos poucas e moi maiores, e pedíronnos facer este cambio buscando o ben de todas.
Pois Rosa, Izaskun, Paquita, grazas, no nome dos veciños e veciñas de Abadín, no nome da aldea. A vosa presenza espertou en nós admiración e as ganas de facernos máis e mellor familia. Grazas.