Sucedeu

Abril de 2020, primeiros compases do confinamento, un feixe de persoas amigas pregúntase que facer para axudar a persoas confinadas e con necesidades de emerxencia alimentaria ás que os servizos sociais aínda non chegan. Móntase un whatsapp aberto que circula sobre todo pola zona do barrio das Cunchiñas a través do cal pódense achegar, de inicio, cartos, e expoñer necesidades. A xente non está a saír das casas. Unha ONG ofrécese a mercar cos fondos que vai habendo e facer o reparto.

A axuda horizontal medra. Danse tres pasos adiante: un, colgar chats abertos en todos os barrios e establecer unha coordinación e comunicación entre eles; dous: abrir unha caixa de resistencia monetaria, enfocada sobre todo ao acceso á vivenda; tres: buscar en cada barrio tendas de alimentación que se presten a recoller pequenos fondos para que persoas en emerxencia poidan utilizalo alí, mercando na mesma tenda.

Aixa cunhas amigas
Aixa cunhas amigas.

E foi indo

Como bóla de neve de coidados solidarios, no medio do barrio, foron medrando os GAM.

O dereito e o revés do acontecer. Todas amigas, todas fraternas. Dando e recibindo

Anótanse moitas persoas nos chats: as que demandan axuda urxente e as que, sen ter necesidades polo momento, permanecen dispostas a botar unha man con cousas varias que se demanden: máscaras, roupa de cama, berces, muletas, colchóns, microondas… Bastantes persoas permanecen conectadas por se se dá o caso de que poidan contribuír. Son dúas mil as persoas que dunha ou outra maneira pasaron polos Grupos de Apoio Mutuo.

Este relato facilitoumo nunha conversa Eva Amador, que xuntamente cun grupo de mulleres comezaron a envorcar o seu amor nos coidados solidarios de barrio.

Elas e eles

Quixemos parolar un anaco con algunha das persoas que sentiron os efectos desa solidariedade nas súas vidas; fixémolo con tres.

Noheralix Morales

Ten dúas nenas. Leva once meses en España; atopouse con Loli, moi activa nos GAM e puido conseguir alimentos e cousas que lle eran necesarias como dúas camas de 90. “Aquilo foi mandado por Deus”, dime, “Nin o meu esposo nin eu tiñamos traballo. Tivemos ese apoio incondicional… e como amigas”.

E continúa: Pois a verdade é que nin no meu país nin aquí nunca vivín unha experiencia así, non coñecín nada similar”

Noelix Morales coas súas fillas
Noelix Morales coas súas fillas

Aixa Moream

Falo cunha segunda persoa que se presta a poñer por escrito a súa experiencia cos GAM. Isto foi o que nos di:

Ola, boas tardes. Son Aixa Morean, venezolana chegada a España hai dous anos. A raíz da situación que sorprendeu a todos no mundo eu atopábame na Coruña e por todo iso estaba algo deprimida. Contactei con GAM por medio dunha amiga a quen chamei para saber como se encontraba e moi xentilmente deume un número telefónico. Dei cunhas xentes superamables e xentís, e cun don de servizo e de axuda ao próximo. Grazas a Deus durante todo o confinamento non me faltou nunca comida ni palabras de ánimo. Sorprendeume moito que sen coñecerme me levaran ao supermercado e fixéronme unha compra de todo e a maiores todos os días ía un mozo colaborador de GAM levarme o almorzo xa feito á porta da miña residencia”.

Obviamente estamos vulnerables porque non estamos coa familia ao lado e a situación animicamente colócanos no lado débil. Estando soa faise máis pesado levar as cousas. Grazas a coñecer xente coma vós puiden recibir apoio moral e apoio de sustento para poder levar o día a día.

É a primeira vez que estou aquí e atendéuseme excelente e satisfactoriamente, sen pedir nada a cambio. Esta organización é de grande axuda: non só é no económico; tamén podo contar con eles como amigos amigas que me escoitan e danme ánimos e, ás veces, iso vale máis ca todo o diñeiro do mundo.

Síntome moi agradecida con todo o equipo que axuda a moita xente e que lle dá valor coma ser humano… Non é que usen as persoas axudándoas para recibir un ben… Sinto que o que fan… Fano de corazón.

Grazas, mil grazas e como sempre moitas beizóns e sigan así. Sempre onde estean Deus as bendiga.

Despídese de vostedes a súa fiel amiga AIXA MOREAN

Martin con dous amigos
Martin con dous amigos

Martín

Falo con Martín, que prefire enviarme un audio que transcribo aquí:

Ola, como andan? Son Martín un mozo arxentino de vinte anos. Estou acó na Coruña desde hai arredor de dez meses.

A verdade é que me cambiou moito a vida con respecto á do meu pais. Pasáronme cousas que quizais nunca imaxinara que ían pasar, pero ben, é a vida mesma, non si? O que lle toca a cada quen.

Sinto que o que fan, fano de corazón

Eu aquí estou só, non coñezo a ninguén, …vaia agora si, que fixen algunhas amizades, pero estiven moi só moito tempo. O GAM foi o primeiro paso que dei para integrarme na sociedade e axudáronme moito con apoio emocional, psicolóxico, falándome, escoitándome, neses días nos que precisas falar con alguén. Logo, a maiores, polo tema da vivenda, que me salvaron, digamos, quitáronme da rúa, pois tocábame durmir na rúa. Moito me valeron.

Coñecín o GAM por un mozo colombiano que me fixo de ponte, que me contactou. O certo é que de grupos ou asociacións esta foi a que máis me axudou porque hai xente que ten ganas, que se poñen no lugar do outro, que teñen empatía, que ás veces é moi complicado iso de encontrar. Axudan sen nada a cambio. Pero na vida o que ti dás, volve. Se fas as cosas de corazón, váiseche devolver o triplo, quizais moitas veces máis. A verdade é que me axudaron moito; desde inserirme na sociedade até para poder comer, mesmo para poder durmir ao quentiño moitas veces, que creo que pasar frío e fame é o peor que lle pode pasar a calquera persoa. Así pois, agradézocho moito. Espero que estea todo ben e un saúdo grande.

A fraternidade non é só resultado de condicións de respecto ás liberdades individuais, nin sequera de certa equidade administrada. Aínda que son condicións de posibilidade non bastan para que ela xurda como resultado necesario. A fraternidade ten algo positivo que ofrecer a liberdade e a igualdade. Que ocorre sen a fraternidade cultivada conscientemente, sen unha vontade política de fraternidade, traducida nunha educación para a fraternidade, para o diálogo, para o descubrimento da reciprocidade e o enriquecemento mutuo como valores? O que sucede é que a liberdade enfraquece, resultando así máis unha condición de soidade, de pura autonomía para pertencer a alguén ou a algo, ou só para posuír e gozar. Isto non esgota en absoluto a riqueza da liberdade que está orientada sobre todo ao amor.

Carta Encíclica “Fratelli Tutti” sobre a fraternidade e e amizade social. Nº 103.