Sentín o pasamento do amigo Xesús Acuña. Viviu con valentía o seu vivir. Na súa lembranza agarimosa repaso os avatares da Romaxe da Lagoa de Castiñeiras, que lle ocasionou suor e sangue. Todo ao fío do “peto” que escribiu recentemente Rubén Aramburu na súa memoria.

Suores e excomuñóns

Dentro de Irimia eu, xunto con Chao, tiñamos a responsabilidade directa das Romaxes. Iso levaba consigo mareos e viaxes. Chao di na introdución ao libro de Victorino: “Raña dende un principio foi o responsable máximo da Romaxe e durante moitos anos levoulle o mellor das súas ocupacións”. É algo esaxerada esta expresión. Moitos máis suores me causou a Cantareliña ou Boa Nova.

Ouvín o que xamais me imaxinei. Estaba convencido que éramos unha especie de seita diabólica

A máis laboriosa foi a dos Peares. Incluso para os permisos civís tiven que ir, desde San Sadurniño, ao Concello da Peroxa e ao Goberno Civil de Ourense. Todo eran problemas que houbo que solucionar a base de arrastrar a zoca, para despois acabar excomungado polo Sr. Temiño. Non houbo colaboración de cregos nin de leigos da zona. Tamén me vin obrigado a presidir de novo a celebración, coma xa fixera en Irimia, porque ninguén quixo aceptar esa “distinción”.

Lembranzas de Romaxe. Romaxe da lagoa de Castiñeiras - imaxen 1

Seita diabólica

Polo 20 de xullo chámame por teléfono Germán Alonso, Secretario da Conferencia Episcopal galega. Quere falar comigo. Proponme vernos en Vilalba para así andar o camiño a medias (el vivía en Lugo). Eu ofrézome a ser acollido na súa casa. O café era negro e, ao visto, os espíritos tamén. Ouvín o que endexamais me imaxinei. Estaba convencido que éramos como unha especie de seita diabólica que pretendía destruír a Igrexa desde dentro. Todo canto ideabamos eran artimañas con esa finalidade. Eu reaccionei como puiden. Como non me collían na cabeza tales barbaridades, atopábame case desarmado. Como vas dialogar cun interlocutor deste calibre? O café axudou a ir recompoñendo a desfeita como ben se puido. Intentei facerlle ver que hai que estar abertos a novas ideas e recordeille algúns casos nos que o avance da historia desfixo as condenas e anatemas. Penso que todo quedou tal como estaba. Aínda que eu neguei e reneguei as súas afirmacións, estou seguro que seguía convencido que tiñamos cornos e malísimas intencións.

Pretendiamos outra Igrexa. E, para que abrochase a nova, tiña que morrer a vella

Despois de tantos anos empezo a cavilar que Germán e os bispos quizabes non estaban de todo trabucados. É evidente que pensaban iso de nós. É tamén evidente -para nós- que non tiñamos esa idea do noso traballo. Pero dándolle voltas e revoltas hai cachos de verdade por ambos lados. Pretendíamos que nacese outra Igrexa. E, para que abrochase a nova, tiña que morrer a vella. Cadra polo tanto co que matinaban os bispos. Se as nosas angueiras os desacougaban, era porque notaban que se estaban a mover os cementos da vella Igrexa. Algo nacía fora do seu útero e fuxía do seu control. Segundo eles, o comezo da fin. Nós non eramos conscientes de tanto. Pecabamos de cándidos e inocentes. E, por suposto, que non tiñamos tratos secretos cos marxistas nin cos masóns, e menos aínda co dos cornos.

Lembranzas de Romaxe. Romaxe da lagoa de Castiñeiras - imaxen 2 m

Suquía movendo os fíos

Polo que logo direi deduzo que Germán informou aos bispos do contido da entrevista. Iso lévame a pensar que a iniciativa de chamarme tivo que deberse a algún recado recibido de Suquía. Así todo parece ter unha certa “lóxica”. Digo isto porque o día primeiro de agosto celebrouse en San Sadurniño a ordenación sacerdotal de Enrique Barro Sabín, oficiada por Araúxo. Ao rematar a cerimonia saín para os claustros do mosteiro; alí tiñamos preparado unha gran comida “familiar” para centos de persoas. Danme aviso de que vaia a sancristía onde me espera o bispo. Inocente de min! Fun alá pensando que me ía felicitar polo ben que saíra a celebración. Cando chego onda el, aséstame apuntando co dedo: “dime o Sr. Arcebispo que che diga que el non prohibe a ninguén ir á Romaxe”. Por pouco me desmaio. Nin na Romaxe pensaba. Creo que me puxen nervioso. Como o bispo notou que eu estaba algo ido, volveu repetir a mesma sentencia para asegurarse que o recado estaba ben dado e que eu o recollía axeitadamente. Semellaba un meniño repetindo ao pé da letra algo que deprendeu da nai.

O caso é que no mes de xullo o vigairo de Pontevedra fora transmitindo a prohibición de participar na Romaxe sen autorización. Suquía nun primeiro momento non daba a cara, pero todos sabían de onde saían as ordes. Despois foi máis determinante e duro, como proba a entrevista da que Rubén Aramburu fala en Irimia.

Lembranzas de Romaxe. Romaxe da lagoa de Castiñeiras - imaxen 3

Alta tensión

Cómpre lambrar que na festa do apóstolo dese ano, 1981, producírase un auténtico escándalo con motivo da ofrenda na Catedral de Santiago. O oferente, Tenente Xeneral Fernández Posse, dixo barbaridades diante da cara impávida de Suquía e dos demais bispos. Todos os medios fixéranse eco das palabras alí proferidas. Comentouse que o mesmo ministro lle chamou a atención polo seu discurso combativo, catastrofista e esaxerado.

En xullo o vigairo Pontevedra fora transmitindo a prohibición de participar na Romaxe

Tamén a primeiros de xullo publicara La Voz (na revista dominical) unha longa reportaxe sobre un Santuario Mariano preto da Coruña no que, conforme afirma o propio crego, recollían intencións de misas que se “pagaban” a 25.000 pesetas que despois se mandaban á Catedral de Santiago para ser “celebradas” alí. Dicíanse tamén outras lindezas ben destacadas na revista.

Con estas armas empecei o diálogo con Araúxo. Recoñezo que fun duro, ou cando menos moi serio. El recuou. Saqueille a relucir o da ofrenda. “Si, pero é que nos pillou a todos por sorpresa”. “Pois -díxenlle- Suquía tiña a resposta ben fácil. Non precisaba nada máis que volver a ler o Evanxeo diante dos fociños do oferente. Quedaría de marabilla.” Asegureille que moito maior escándalo armaran todos eles na santísima catedral que nós nos montes de Galiza coa bendita Romaxe; que non acababamos de entender por que tanto se preocupaban polo que faciamos sendo que se desentendían doutros feitos que si que tiñan que preocupalos. E aquí aproveitei para sacar o caso dese Santuario de que falei antes. Díxome que non estaba sabedor diso. Daquela remachei que son sabedores do que lles dá a gana, sendo que hai cousas ben máis preocupantes na Igrexa que a Romaxe, e seguen a durmir tranquilos. Ofrecinme a ir pola Revista por aquilo de “onde letras falan barbas calan”. Non fixo falla. Díxenlle tamén o que xa saíra na conversa con Germán: que non eramos tan irresponsables como crían, pois de feito este ano pensouse e repensouse moito o celebrar ou non a eucaristía (eu xa sabía que non ía haber celebración eucarística, pero non llo dixen). No fondo deume pena de D. Miguel. Sei que me tiña aprecio e afecto. Así o demostrou cando quixo mandarme para Viveiro. Pero estas historias (a mesma Romaxe dos Peares, a liorta sobre Boa Nova…) non o aumentaron. Daquela deume a impresión que o deixei desarmado. Cumpriu co recado, pero non quedou a gusto. Notábase. Na conversa nunca se puxo en contra da Romaxe. El o que quería era que quedara claro que o “Sr. Arcebispo lle dixera que me dixera” que el non prohibía ir á Romaxe.