Escrito aos labregos

Redactei un escrito para que o firmasen e repartisen nas súas parroquias os cregos de Narahío e Lamas. O motivo eran as inmediatas “eleccións” na Irmandade de Labregos. No Informe da Policía dise que o crego de Lamas non repartiu os papeis. Efectivamente foi así. Marcelino era un santo varón, (xamais lle agradecín debidamente os servizos que me ten prestado, sobre todo nas suplencias cando eu andaba atarefado coa Cantareliña ou en Venezuela, Suiza, París cos Saraibas…), pero non quería historias. Dicíache que si ao que ti propoñías; despois… algo pasota. Por outra banda, neste caso sentíase acurralado polos da “cova de ladróns” xa que todos os días ían xogar o vaso a Casa Hermitas, onde el vivía, e tenme contado cousas divertidas, pois no ruxe ruxe de mostrador case sempre saía remexido cos dados do bote o Amando e tamén, ás veces, o crego de San Sadurniño.

D. José, o crego de Narahío, efectivamente puxo o “panfleto” nunha mesa que tiña na igrexa con revistas e avisou do tema.

Carta aberta os labradores

Masas comúns

Ao ir andando os traballos da concentración parcelaria en santa Mariña a xente dábase de conta da cantidade de fincas que quedaban como masas comúns, que ía mangonear o Concello. Tivemos unha xuntanza no teleclub. Invitei para informarnos no tema a Leopoldo López, avogado de Comisións Labregas, bo amigo meu, pois tivera bastante contacto con el cando era relixioso paixonista en Melide. Explicou polo miúdo a lei e aclarou que esas masas comúns pasarían a ser propiedade do Concello. A xente pateaba. “Así que o que é noso vai pasar para que o merenden eles. Iso non pode ser.” O desacougo era unánime. A maiores co letrado viñera Gino (Domingo Martínez Freire), un crego nado na zona de Carnota e que daquela traballaba nunha autoescola. A exposición de Leopoldo fora pausada, serena, coma a un home de leis; pero Gino acendeu o lume dando un mitin contra os rexedores dos concellos: ladróns, cova de caciques… O auditorio, pacífico de seu, ardía. A leña estaba seca e preparada e a faísca de Gino incendiouna. Pouco faltou para que sairamos con paus e fouces contra os ladróns.

“Así que o que é noso vano merendar eles? Iso non pode ser.” O desacougo era unánime

Como resultado preparei un escrito para que se firmase polos veciños e darlle curso. Creo lembrar que non se fixo. Un parto de aire. Non quixen apertar aos veciños con sinaturas comprometidas. Pero de seguro que os comentarios chegaron á “cova dos caciques”. (Ao ler agora o escrito descubro que hai unha petición de nova organización política máis aló do das masas comúns).

Nota informativa