O alcalde Secada recibindo a medalla da Orde de Cisneros do gobernador
Síntome como o avó que machuca aos netos contando as súas batalliñas de cando novo. Historias do Raña, dirá alguén. Desta eu mesmo botei as mans á cabeza cando souben a historieta de hoxe. É de sobra coñecido o das denuncias e multas a cregos nos derradeiros tempos do franquismo. Hóuboas a mazo.
“¡Hay que yugular al señor Cura!”
Hai case dous anos caín da burra. O profesor Manolo González e Carme Suárez do CEMIT de San Sadurniño (Sansa) mandáronme documentos que dan fe do “aprecio” que me tiñan Varela e Secada. Foi unha revelación. Daquela eu ben me decataba da mutua desconfianza, pero xamais pensei que ían ser quen de asinar tamaños informes sobre min.
Síntome como o avó que machuca aos netos contando as súas batalliñas de cando novo
Houbo “dúas sentenzas” contraditorias: a do Sr. Alcalde “Hay que yugular al señor cura” , e a do Tenente Coronel da Garda Civil: “Goza de una excelente reputación”
De primeiras, polos papeis do Arquivo Histórico (Coruña), pensamos que a denuncia nacera no Concello; pero despois, por novas investigacións de Vitucho (Víctor M. Rico López), apareceu a carta do Gobernador Civil na que pide informes ao Alcalde sobre o crego de Sansa.
Os personaxes
José Varela, avogado, Secretario do Concello; Santiago Secada, alcalde, cántabro, Xefe Local do Movemento, Veterinario, Cruz de Ouro da Medalla de Cisneros (1973)… Non os tratei a fondo. Tiñan ideas parellas e defendían o seus presebes. Odiaban a morte a Amando Romero Castrillón (“Granja Romero”) e este aos dous. Se batías con eles e notaban -ou imaxinaban- que cheirabas a fume da lareira de Amando, de seguida se lles lía na sobrecella: “inimicum habemus”. Secada, fantoche e faroleiro, presume para esconder. Varela, cazurro, urbof (como din os italianos), dábache a patada no nocello mentres sorría.
Os antecedentes
Secada, alcalde desde o 71, quixo de primeiras congraciarse comigo. Viña a misa os sábados, facía por vérmonos por varios motivos… e ata que foi alcalde gustaba de encirrarme contra Ángel Gavín (alcalde daquela) aproveitando as prazas e as silveiras.
Nota informativa do alcalde Secada ao gobernador sobre as actividades e “menosprecio al Régimen” de Ramón Díaz Raña
No meu segundo ano en Sansa provoquei unha consulta na igrexa sobre se debía saír a procesión no día da festa e dar a volta á praza. Era un orixinal espectáculo: a xente co vermú e nós cos santos facendo desfile de modelos. Secada e máis o médico, Ramón Méndez, defenderon que non saíra; os demais deixáronse ir. Efectivamente, o día da festa, rematada a Misa, estalaron foguetes, pero as campás non repenicaban… Nun dos postos estaba D. Santiago latricando con Fernando dos Queixos. Ao verme di: “Y que, Sr. Cura, parece que hay huelga de Santos!”, mentres parecía chiscarme un ollo. Eu retruquei: “Fan folga os santos para que traballen os pecadores”. A cousa seguiu entre bromas; pero deume que era dos que tiraban a pedra e escondían a man. Aquel ano non saíu a procesión, pero ao seguinte volvemos á pasarela.
O misto que acendeu o lume foi a distribución dun papeliño relativo ás eleccións da Irmandade de labregos
Secada descubriu as nosas diverxencias. O cura anterior xogaba a partida no Bar de Senén, onde se xuntaba “la creme de la creme”. Eu nunca fun. Foron aparecendo logo outras actividades organizadas desde o teleclub e máis tarde asociación de veciños. Eu ía por libre. Non buscaba depender deles. Deixou de vir á misa e participar nas reunións, ás que si ían varios mestres, o notario, o médico, e outras persoas. Seguro que a prédica e parte da Misa en galego non lle daba devoción.
Os namoros con Amando Romero
Di o Informe de Varela e Secada que “Quiere nombrar presidente a Amando Romero Castrillón”. Aseguran que “es el verdadero autor de la campaña”. “El Sr. Romero guarda gran amistad con dicho párroco y gran enemistad con el Alcalde”, afirma pola súa parte o Informe do Tenente Coronel da Garda Civil. O misto que acendeu o lume foi a distribución dun papeliño relativo ás eleccións da Irmandade de labregos. Aproveitaron a ocasión. O da Irmandade era o que máis lles doía porque afectaba ao mando único do xeneralísimo Secada. Amando poñíaos a cen. Ademais sempre atacaba de fronte. Co seu potente soprido tremían as cadeiras do Concello.
Eu daquela levábame ben con Amando (coma con todos). Mesmo el intentara crear unha cooperativa de venda de leite na que ían participar os de Castro (Raña), os dos Feás, Bertuco da Feira… Invitoume para que fixera de secretario e aceptei. Celina, a súa dona, sería a administradora. Todo quedou en nada. El tamén formou parte da Comisión que se entrevistou co Bispo cando o meu nomeamento para Viveiro. Pero nada de “gran amistad”. Despois funme distanciando polas liortas permanentes que se traían entre Granxa Romero e a Cooperativa de Prospes; e definitivamente renegados cando o das Enchousas.