Marilar Alexandre é poeta, tradutora, narradora, profesora. E desde 2017, académica da lingua. Así que escribe ben e domina moitos rexistros da escritura.

Non estraña que premios prestixiosos anoten o seu nome. Así, Teoría do caos, Xerais de Novela en 2001. O poemario Mudanzas, Caixanova de Poesía en 2006. Con As malas mulleres conseguíu o Blanco Amor de novela e, ao fin, o Premio Nacional de Narrativa en 2022, «Pola orixinal estrutura híbrida, que a converte nunha singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX, cun admirable dominio do diálogo e da linguaxe», din os entendidos do xurado.

E si, fálase de “malas mulleres”, que entran na historia coas súas historias miúdas de perdedoras. Por naceren pobres. Por non seren donas do corpo. Por teren a mala sorte de se cruzaren con depredadores sexuais aos que ninguén chamaba “malos homes”.

Inquietantes mulleres serían aquela Concepción Arenal, visitadora de prisións. E Juana Vega, activista liberal. E outras ‘conspiradoras’, empeñadas en ensinarlles a ler ás presas, xusto cando toda forma de participación activa na política era impensable para mulleres condenadas á invisibilidade.

Chama a atención que se vetase o acceso á cultura, ao coñecemento, aos libros á metade da poboación, a feminina, no contexto de Rexurdimento galego. Fálase dunha época onde as mulleres, e a xente pobre, tiñan prohibido alfabetizarse. Cunha inmensa maioría da poboación condenada á escuridade. Onde a cultura estaba nas mans dun minoritario club de exquisitos.

A novela conta as historias destas mulleres. Inclúe feitos e documentos históricos que aportan verosimilitude. E coros, como nas traxedias gregas, con elementos de poesía popular, de cultura oral, de Rosalía. Voces de mulleres cheas de dor e lamentos, bágoas e resentimento.

No rueiro galego permanecen nomes como Arenal, Juana de Vega, Galeras. Para que non perdamos memoria da poderosa personalidade de Concepción Arenal. De mulleres que reclaman un posto na historia. De Galeras, nome inquietante para os cárceres de mulleres ‘perdidas’ que hai que sacar das rúas, donas de pecados de femias, corpos que tentaban a abusadores que xamais pagaban por eles.

As malas mulleres éche un libro conmovedor. Como morden aínda os fríos, maltratos, sucidade, mala alimentación, piollos, hacinamento de 300 mulleres en espazo tan reducido. Tamén un libro de esperanza na dignificación das persoas. No papel liberador dos libros para mellorar a vida e dar esperanza ás desesperadas. Esperanza na capacidade de resiliencia e emancipación de mulleres condenadas á intemperie da derrota.

E fe nas linguas que resisten. O euskera, galego e catalán son membros da familia e activos poderosos da historia, da cultura, da vida cotiá das persoas que viven e falan para entenderse con lazos de quentura.

As malas mulleres, novela admirable, digna de ser lida. De Marilar Alexandre.