María Marco, foto da autora: Manuel G. Vicente
O texto obriga a reflexionar sobre o acto de coidar do outro. Algo cheo de calor, tamén difícil e complicado. Fermoso de tan humano. E cansado, porque obriga a levar no lombo infinitas renuncias. Cómpre advertir que os coidados recaen sobre todo, antes e agora, sobre as costas quebradas das mulleres.
Os coidados teñen unha forte dimensión política e económica
Os anciáns non só camiñan paseniño pola rúa collidos da coidadora. Esas presenzas son omnipresentes nunha Galicia que, demograficamente, semella un trompo, unha pirámide invertida: moitos vellos, poucos nenos. Unha poboación avellentada, uns corpos deteriorados por enfermidades reclaman coidados para vivir con dignidade. Velaí o cerne da civilización: a compaixón, camiñar a carón doutros, coidar e termar dos que nos coidaron. Fomos, seremos discapacitados, di o lema. Precisamos camiñar collidos dun brazo firme e forte. Ou caer, como estamos a caer, nas poutas cobizosas dun capitalismo que fai negocio co deterioro dos maiores. Cos que viven “estabulados” á espera da morte. En poucos meses nunha residencia de maiores vanse os aforros de toda unha vida. Aquela pandemia da covid-19 reflectiu o mellor, tamén o peor de nós mesmos: o desapiadado abandono de milleiros de anciáns morrendo sós nas residencias. Sen mans quentes e coidadoras.
Aquí na Galicia baldeira, coa poboación espallada, con tantos habitantes maiores en aldeas “desadornadas de xente”, os coidados teñen unha forte dimensión política e económica. E non só femininamente invisíbel. Coidados humanos, coidados médicos, coidados de presenza, coidados especializados en enfermidades neurodexenerativas. Coidados a quen coidou de nós. Un fondo acto de amor cargado de infinitas renuncias: o humor, o sono, a saúde, o cansazo, o tempo, as emocións, todo o que devoran os coidados. Ao fin, “un acto político, de radical disidencia, revolucionario”. Unha baixada aos infernos e unha escada cara ao ceo que nos define como humanos.
María Marco, foto da autora: Manuel G. Vicente
Coidadora, de María Marco.
Juan Antonio Pinto Antón