Nestas breves liñas pretendemos incentivar o achegamento e a lembranza de Bieito, coa lectura desta obra tan vitalista e palpitante, libro e vida cristiá, de evanxelización no mundo obreiro e da loita, antes que sexa loito, a prol de que a lingua galega sexa inserida na praxe litúrxica.
O carácter dialóxico do libro imprímelle dinamismo e dótao dunha dimensión temporal omnipresente e un tanto omnisciente: as voces que interpelan ao Bieito saben dun xeito participante e compartido dos feitos referidos, ben sexa por testemuña directa ou por mediación de amigos comúns.
Isto confírelle unha trama ao libro moi áxil, cómplice, tamén deste lado, pondo as letras do revés en retorno a palabra viva, a oralidade da que saíron.
Dende a chegada a Vigo no ano 1970 o Bieito oriéntase cara ao mundo laboral, que o sitúa nos estaleiros ASCON, e vive en comunidade no barrio de Teis, nas Flores, a carón doutros curas obreiros. Ao tempo achégase ao grupo cristián de Xaime Seixas, membro tamén, coma Bieito Santos, da Compañía de Xesús, comprometéndose coa tarefa de pular pola liturxia en galego.
O Bieito chega a facer xornalismo nun programa radiofónico propio en Radio ECCA, en Vigo, e outros traballos como articulista e redactor en boletíns e outras publicacións. Quizais isto sexa o menos coñecido do Bieito en contraste co traballo manual como operador montador en ASCON durante sete anos.
Bieito foi tamén sindicalista destacado, xunto a Guillermo Fontán ou Ricardo Castro, entre outros, membros da USO ( Unión Sindical Obreira, sindicato de raigame cristiá e praxe asamblearia, mesmo con predicamento de autoxestionaria).
ASCON tivo un peche patronal (febreiro de 1978) de sete meses e foi nese tempo que a súa figura acada, sen el o pretender, unha grande proxección pública como cura obreiro. Noutro eido máis específico o Bieito é un grande animador da HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica).
No ámbito da Igrexa dos Apóstolos ata hai ben pouco os sábados de tarde oficiaba unha misa en galego e brindaba axuda espiritual e material aos máis necesitados, atendida a freguesía naturalmente.
Outra actividade suliñable son os cursos de soldadura impartidos persoalmente a xentes inmigradas, maiormente de África, para capacitalos na entrada do mundo do traballo.
Neste libro achégase moita información, mesmo da infancia e adolescencia do Bieito, de orixe cambadesa. Asemade, conta coas valiosas declaracións do seu compañeiro de traballo e amigo Guillermo Fontán e da sua sobriña Mar Santos, engadidos que dan unha nota de intimismo ao libro.
Ficamos satisfeitos se con estas liñas somos quen de incentivar a incorporación ao diálogo de todos vós nestas conversas.