Yuval Noah Harari, profesor de historia na Universidade de Xerusalén éche bo comunicador. Este libro, millonario en vendas, lese como unha novela: a biografía do humano sabio, o homo sapiens, única especie humana que pervive no planeta. E resulta raro: o xénero de fungos das russulas inclúe 750 especies, de tiburóns hai 360. Hai 40 000 anos desapareceron, do xénero homo, neandertais, floriensis e desinovanos. Só queda unha, a nosa.

A linguaxe directa e provocadora deste profesor tan novo engancha.

Co planeta de xeonllos, o rei da creación transformouse nun semideus. Con tanto poder que mesmo pode destruír a propia casa tal e como a coñecemos: moitos dos grandes mamíferos están ameazados e pasa o mesmo con ecosistemas imprescindibles. O clima, pola influencia humana, está a piques de entrar nunha espiral de destrución. 200 000 anos leva o sapiens aquí, un breve pestanexo no planeta, pero tempo abondo para apoderarse dos resortes do poder. A súa breve historia descobre pegadas dun ‘asasino’.

A linguaxe directa e provocadora deste profesor tan novo engancha. Da súa man imos das orixes da casa planetaria ata a revolución neolítica ou agrícola que transformou a cazadores colectores en pastores e labregos sedentarios hai apenas 10 000 anos. O seguinte chanzo da andaina do humano sabio leva ata a idade moderna, a da 1.ª globalización, a dos grandes imperios español e inglés, tanta cobiza e crueldades baixo a carauta das relixións e da civilización occidental. Os últimos quiñentos anos son os da revolución científica, máis visible desde o século XVII. Da revolución industrial aos grandes avances tecnolóxicos e á enxeñería industrial, a recreación do cerebro humano nos ordenadores e a busca da inmortalidade.

Grandes conquistas, grandes logros. Hoxe, uns poucos sapiens que collen nun bus controlan o planeta enteiro. Pero, ai, os deuses humanos teñen os pés de barro. Tanto poder acumulado deteriora o clima, saquea os recursos, agride ao hábitat e destrúe ecosistemas onde se entretece a vida. Mentres esmorece a felicidade da inmensa maioría: prescindibles, ‘desechables’.

Tanta historia e tan ben contada. Aínda que faltan capítulos necesarios como o xenio de Grecia, a potencia do Renacemento, outras civilizacións máis aló do embigo europeo, o motor das utopías ou esa especie de Constitución Mundial que é a Declaración dos Dereitos humanos.

Todo iso non colle en 500 páxinas. Ningún problema. Yuval Noah Harari xa ten escrito outro libro para seguir colocando espellos en cada capítulo da nosa historia.

Desta volta, Sapiens. De animales a dioses, un libro de Yuval Noah Harari.