© Foto – La Comarca Libros
Putin, alleo ás redes sociais, señor da guerra, envía ao matadoiro checheno milleiros de rapaces que volven en caixas de cinc. Un tipo gris e antigo, e un Baranov posmoderno que domina os medios e orquestra para o señor do Kremlin un fastoso teatro. Ao fin, o poder sen contrapoder, soño dos autócratas.
O zar de todas as Rusias é o apóstolo dun novo imperialismo
No libro asistimos á anexión de Crimea en 2014: obra de teatro que negaba os feitos e convertía en turistas os soldados invasores. Cando pecharon o telón, a invasión rematara. Vén de ocorrer en Ucraína —unha premonición, pois o libro foi publicado antes da guerra. O oso ruso pensou que o presidente cómico fuxiría. Non foi así, e dous anos despois o conflito está estancado nunha destrución inenarrable. Crimes de guerra. Os soldados mortos cóntanse por centos de miles. E, como en toda guerra, os civís levan a peor parte. Putin, como o seu mentor Stalin, sabe que un soldado caído ten rostro e nome; un millón deles son estatística.
Líder forte, emerxeu no caos. Impuxo con violencia unha orde vertical do poder sobre a manda de hienas cleptócratas que rodeaban aquel Yeltsin empapado en vodka. Nese momento, no que a xente non sabía como vivir nun mundo novo e irrecoñecible, ofreceu mitoloxía a falta de política: a patria da nai Rusia, o orgullo humillado, o destino dun novo imperio. Ese mundo en descomposición xa non recoñecía os heroes de sempre: o soldado e a profesora, o obreiro infatigable e a ama de casa. Agora os heroes son as top models, os banqueiros, os oligarcas que despezaron o inmenso patrimonio do Estado. Malbaratado pola rapacidade duns poucos, chegou a valer menos que unha multinacional estadounidense.
O zar de todas as Rusias é o apóstolo dun novo imperialismo que ofrece un poder vertical e autoritario dirixido con man de ferro e unha inmensa soidade. Cando a forza bruta arrasa a sutileza, Baranov —ou Surkov— é apartado polo poder omnímodo, que usa as ferramentas da democracia ou prescinde delas se o horizonte final impón outro camiño. Ben sinalado polos artificios teatrais dun mago asesor e dirixido con pulso implacable polo novo zar.
El mago del Kremlin, lúcido, multipremiado, estilo deslumbrante. De Giuliano da Empoli.