O libro de Douglas Stuart é unha baixada aos infernos dun neoliberalismo que tivo como profetas a Dama de Ferro e un actor secundario que chegou a presidente dos EE.UU.
Velaquí a historia dun cativo de once anos que trata de sobrevivir no Glasgow dos 80. Barrios devastados pola desindustrialización, a pobreza, o po de carbón e a néboa. Siderurxia, minas e estaleiros pechados.
A novela do amor do fillo pola nai, virando nun alegato político e nunha historia de tenrura
E velaquí unha cidade ferida pola crise industrial. Tsunami económico multiplicado polas políticas thatcheristas. Caída da produción dun 10 % e aumento do paro nun 141 %. Cunha clase obreira esmagada e sen futuro, sobrevivindo en arrabaldes grises e brutais. Nese submundo, a familia Bain, abandonada polo pai. Ao final quedan Shuggie e Agnes, a nai. Esta muller sen sorte vai ser o epicentro de todas as tormentas, agarrada ao efémero salvavidas do alcohol, o único á man para tantos náufragos. O outro apoio é Shuggie, rexeitado pola súa condición sexual. Atrapado entre a nai alcohólica, á que adora, e o ambiente de cascallos sociais, machismo, homofobia e violencia. Vítimas do desmantelamento do tecido industrial que expulsou á intemperie comunidades antes cohesionadas, fóra do estado do benestar. Ser neno é tarefa difícil mentres se intenta salvar a nai nun mundo de tiburóns.
A novela secciona paisaxes urbanas e sociais cunha precisión, beleza e amargura case autobiográficas. Traducida a máis de 30 idiomas, con premios como o Man Booker 2020. Dura, estarrecedora, chea de compaixón polas personaxes que gravitan ao redor de Shuggie e de Agnes.
A novela do amor do fillo pola nai vaise convertendo nun alegato político. Unha historia de tenrura que transcorre nun ecosistema social que afunde aos máis febles. Un relato de clase social, identidade de xénero, violencia familiar. Coa aspiración a unha vida mellor, a saír do barrio que estigmatiza. O carácter de clase asoma nunha cidade dividida pola fenda económica e cultural de odios e receos entre católicos e protestantes. Coa bandeira banal do fútbol: Rangers e Celtic.
As desapiadadas políticas que afundiron a próspera cidade mineira deixaron beirarrúas negras de carbón. Por elas deambulan vagas de derrotados á espera da esmola semanal das axudas oficiais que alongan a agonía. A familia de Shuggie é unha máis. A nai é, era, unha fermosa muller chea de soños, á procura dunha casa, dunhas faragullas de benestar. Abandonada polo home na rateira dun barrio inhóspito.
A Historia de Shuggie Bain é, sobre todo, un canto á quentura humana no medio do afundimento da pobreza, a soidade, a frustración. Tamén ao amor inquebrantable de Shuggie, que non abonda para salvar a nai cando os donos do poder e do diñeiro tentan e conseguen destruír a urdidoira humana das sociedades.