Yasmina Kadra éche o seudónimo que Mohammed Moulessehoul usaba en Arxelia para poder escribir mentres o país sangraba pola ferida da guerra civil entre o FLN (Fronte de Liberación Nacional contra o colonialismo francés) e o FIS islamista (Fronte Islámico de Salvación). Máis tarde, en Francia poderá escribir libremente da corrupción gubernamental, do paro, do fanatismo islamista, a ausencia de libertades, o terrorismo, a represión.
Khalil mostra dúas civilizacións incapaces de dialogar e comprenderse
Todas esas pulsións laten na súa obra mentres a revolución socialista e o fanatismo islámico asolagaban o país nunha lameira de corrupción e violencia. Agora felizmente escritor, novelista recoñecido. Las golondrinas de Kabul, Las sirenas de Bagdad, Los ángeles mueren por nuestras heridas, Trilogía de Argel.
A súa última novela aínda ole a tinta recente: Khalil, ou a historia dun rapaz de orixe marroquí que vive en Bélxica. O personaxe ficticio está ancorado en feitos reais, tráxicos, ben coñecidos. Mostra dúas sociedades que viven de costas, civilizacións incapaces de dialogar, de comprenderse, espazos estancos onde medra o horror e o terrorismo. Nomes e lugares pertencen á memoria máis recente, á xeografía do espanto: as explosións no metro, a masacre da sala de festas Bataclán, o populoso barrio de Molenbeek, con case 80 000 habitantes, primeiro traballadores belgas, despois emigrantes italianos e españoles, agora musulmáns. Os rexeitados pola sociedade acaban como carne de canón dos credos do odio.
Non é libro para gozar. Khalil éche un personaxe duro, complexo. Páxina a páxina seguimos os pasos dun ‘mártir’, camiño da inmolación, mentres nos conta, en primeira persoa, as súas reflexións as dúbidas que alfombran o camiño do inferno, da destrución, da morte. A deriva deste rapaz camiño da fanatizacion resulta xeadora, apaixonante. Ou o paso do humano ao inhumano dunha marioneta manexada por escuros intereses.
Historias tan humanas, tan afastadas, tan cercanas onde a vida convive coa corrupción do poder, co terror do fanatismo relixioso. O deambular de Khalil entre a vida e a morte tropeza coas dúbidas en dogmas sombríos, aqueles que facían reflexionar o escritor francolibanés Amin Maalouf. ‘A miúdo penso se as relixións non son inventos dos homes para ocultar o verdadeiro rostro de Deus’.
E ademais, Yasmina Khadra escribe ben, asombrosamente ben. Khalil.