Un libro oportuno. Relato da expansión global do autoritarismo e o perigo dos populismos para as democracias. Cada páxina obriga a preguntar polo futuro da liberdade.
Quen é este agudo observador da realidade social e política que escribe de xeito tan brillante? Moisés Naím, executivo do Banco Mundial, ex-ministro venezolano, Premio Ortega e Gasset, infinitos cargos e libros publicados.
Velaquí a crónica do que vivimos. De como chegou ao trono do mundo un bufón excesivo como Trump. Por que autócratas como Jinping e Putin impoñen a súa férrea vontade sobre países xigantes. Por que a onda populista e autoritaria se estende da Venezuela de Chávez e Maduro ao Brasil de Bolsonaro, da India de Modi á Turquía de Erdogan e ás Filipinas de Duterte, da Hungría de Orbán á Italia de Meloni, á Arxentina de Milei, nunha cadea interminable de líderes populistas que chegan ao poder e desde dentro socavan os contrapesos democráticos.
O Populismo non é unha ideoloxía, éche unha estratexia para obter o poder.
Naím fala dos autócratas 3P: Populismo, Polarización e Posverdade. Pensadores como Y. Mount, A. Applebaum ou T. Snyder destacan os medios dos populistas para conquistar o poder: catastrofismo, criminalización dos rivais políticos, invasores que aproveitan a porosidade das fronteiras, ataques á liberdade de expresión e compra dos medios, erosión do sistema de contrapesos, mesianismo e nostalxia de líderes fortes. Populistas que chegan ao poder e crean redes clientelares que inevitablemente desembocan nos sumidoiros da corrupción, amedrentamento dos rivais, submisión e engaiolamento social, ata que dinamitan os controis das democracias.
O Populismo non é unha ideoloxía, éche unha estratexia para obter o poder. A Posverdade e as falsas noticias difuminan maliciosamente a fronteira entre feitos e opinións. E a Polarización desgarra sociedades e países en metades que se odian. Para F. Fukiyama trátase dunha obra orixinal cunha perspectiva global sobre populismo e poder. Para A. Appebaum, análise incisiva de como as 3P impulsan o ascenso de líderes que dominan boa parte do mundo. Para Publishers Weekly, un retrato intelixente da expansión do autoritarismo e os seus perigos.
O prezo que hai que pagar é o poder na súa forma máis escura, maligna e brutal que ameaza as liberdades e supervivencia das democracias. O perigo son os autócratas cobizosos do poder, capaces de utilizar técnicas innovadoras e a arañeira das redes para se facer cun poder ilimitado e mantelo con estratexias similares e á marxe de ideoloxías. A expulsión democrática do poder de Trump e Bolsonaro mostra a forza da democracia. A ferramenta dos individuos e das sociedades libres contra a tiranía das 3P é a información, o coñecemento e a defensa afervoada da democracia. Axuda a lectura deste libro absorbente e apaixonante, La revancha dos poderosos, de Moisés Naím.