Esta é unha novela. Thriller, din os entendidos nisto do suspense e da intriga. Unha novela fascinante de xénero negro. Esta é unha historia que semella unha película de acción onde o tempo transcorre de xeito trepidante. Esta é unha novela que conta a vida exuberante máis aló do realismo máxico. Porque está ben ancorada na realidade dunha Colombia cunha fenda entre dúas Colombias. Esta é unha novela negra e dura, é dicir, de sangue e intriga, de violencia, drogas e sexo.

A novela reflicte unha Colombia coas feridas abertas, ou as dúas colombias

Pero éche tamén unha novela máis que unha novela. Porque detrás das aventuras da xornalista e da súa axudante, exguerrilleira das FARC, e dun fiscal da república, embarcados nunha perigosa investigación…, están as igrexas evanxélicas en plena expansión en EE.UU. Brasil, aquí en Colombia.

Segundo o novelista Santiago Gamboa, o que late detrás da literatura brillante da novela, e que describe como un grave problema, son as ultraconservadoras igrexas evanxélicas, un perigo para as democracias latinoamericanas. E no caso de Colombia, case asunto de seguridade nacional e o retrato dun país convulso.

Pois estas igrexas, sobre as que percorre a trama, funcionan como un potente, agresivo e ben financiado instrumento da ultradereita. E non o di só o novelista. Os observadores máis atentos mostran a súa preocupación polo incrible poder que están gañando. Non só en Latinoamérica, senón noutros continentes como o africano. Funcionan como instrumentos dos poderes máis reaccionarios onde pouco ou nada contan os prescindibles, meros figurantes que aportan masa, dependencia emocional e espiritual… e cartos. Todo un botín político para caciques da zona que aproveitan o desamparo e a fraxilidade destes “desechables”.

Polo de agora, lemos e gozamos cunha novela que reflicte unha Colombia coas feridas abertas dun durísimo conflito bélico. Ou as dúas colombias, que tentan superar esa longa noite de violencia e enfrontran agora outros problemas novos. Guerra e narcotráfico antes, violencia endémica e auxe de igrexas evanxélicas agora. Da man destes tres heroes civís: a xornalista, a exguerrilleira símbolo de reconciliación e o teimudo fiscal Jutsiñamuy, símbolo da decencia.

Todo iso na fermosa e inquietante novela con varios niveis de lectura. Larga será la noche. De Santiago Gamboa.