Politólogo e avogado, escritor e xornalista, Giuliano Da Empoli, autor de “Los ingenieros del caos”. Ou de como construír gobernos populistas coa argamasa do odio sementado nas redes sociais polos algoritmos.

“converten a rabia, o ruído e a furia populares en vitorias electorais”

Os enxeñeiros do caos son estrategas que converten a rabia, o ruído e a furia populares en vitorias electorais. Como Davide Casaleggio, o cerebro detrás do ‘Movimento 5 Stelle’. Como Steve Bannon tras do bufón excesivo chegado da telerrealidade, Trump. Como Finkelstein, descubridor de que o atallo para impulsar a participación é espertar a rabia e destruír ao adversario.

Populistas de esquerda e de dereita aquí e acolá. En países ricos e pobres. Teñen linguas diferentes e puntos en común. Por exemplo, son expertos navegantes na arañeira das redes. Usan algoritmos para inflamar á feligresía. Controlan as narrativas atacando a prensa. Apostan pola máquina de fango de Umberto Eco. Inflaman a polarización e destrúen a reputación dos adversarios.

Así Trump no país poderoso, na democracia máis antiga. Bolsonaro no xigante sudamericano. Putin, navegante do estalinismo ao imperialismo. Modi na democracia máis poboada. Epígonos como o estridente Maduro, o brutal Duterte, o bananeiro Daniel Ortega. Erdogán e Viktor Orban. Ou Milei, alborotado anarcocapitalista en Arxentina.
Detrás deles científicos de datos, estrategas políticos, asesores na sombra levan a partidos populistas ata o poder nas maiores economías. Aproveitando a forza mobilizadora da rabia e a ira, emocións que mobilizan masas e votos.

ilustración de mans
Detrás do entroido populista hai un meticuloso traballo dos ideólogos, científicos expertos en big data. Controlan o circo das redes con algoritmos, avatares, fake news. Acumulan datos sobre votantes e converten as campañas electorais en guerras entre sofware, di Da Empoli.

“detrás do entroido populista hai un meticuloso traballo dos ideólogos”

Os enxeñeiros do caos descubriron que a tecnoloxía é o conector entre paradigmas políticos, fracturas sociais e polarización extrema. Redes sociais dopadas coa dopamina dos clics, smartphones e mensaxes na diana de usuarios modelados polos datos. Unha manipulación masiva e anónima de parasitos colonizando o cerebro sen que o anfitrión se decate.

Velaquí un libro imprescindible para comprender o ecosistema político e social onde líderes populistas contratan a enxeñeiros de caos para canalizar a ira popular contra as elites en beneficio propio. O poder é froita madura en campañas electorais onde as ideas son expulsadas pola mestura formidable de algoritmos, ira e populismo.

Di o autor: ‘Cando os líderes actuais pasen de moda é improbable que votantes acostumados á droga dura do nacional-populismo, soliciten de novo a manzanilla dos partidos tradicionais. Pedirán algo novo e pode que aínda máis forte”. Por iso hai que ler “Los ingenieros del caos”. De Giuliano Da Empoli.