O ferreiro chamoulle Benito ao fillo, por aquel indio Juárez que chegou a presidente de México. A M é de Mussolini, que chegou a ser presidente do goberno dunha Italia resentida pola suposta humillación sufrida á hora de repartiren o botín os vencedores de I Guerra Mundial.

Se fora unha novela, debería estar prohibida: 800 páxinas! Pero non, é a historia novelada do fascismo ou a fascinación que provoca o horror ao longo deste demoledor relato.

É a historia novelada do fascismo, da a antipolítica

Conta o que vai de 1919 a 1925: conquista do poder, aplastamento da disidencia e dominio total sobre o Estado fascista. O violento monstro nacionalpopulista e o totalitarismo racial propagaríase como virus letal. A capacidade de contaxio borrou do mapa ideais de liberdade, igualdade e fraternidade. Desprezou a democracia, a xustiza e o liberalismo. Usou a contundente ferramenta da violencia e do medo.

M é a gran novela do fascismo. E dun bufón excesivo, hipnótico e baldeiro. O fracasado líder socialista acabou como marioneta vociferante. Levaría a Italia á destrución e deixaría unha velenosa semente dormida.

A capacidade de atracción deste histrión chamou a atención desde o principio: podería converterse nun caudillo e nun temible matón usando a brutalidade dos fascios de combate. As escuadras de acción, coa escura complicidade do diñeiro e do poder, apaleaban adversarios e queimaban casas do pobo cun odio e unha ferocidade que poucos foron capaces de enfrontar.

O fascismo é a antipolítica. Nun futuro próximo terá afervoados seguidores. Polo contido agresivo e totalitario. Pola ausencia de ideoloxía. Polo seu tacticismo. Un século despois volven algúns líderes fortes, a violencia da mentira, o desmesurado uso do odio esvarando polas cloacas das redes que dan voz a matóns. O home que alardeaba de ter máis de seiscentas amantes dicía que a masa é como a muller, gústalle que a dominen. Pode horrorizar, moitos aplauden.

O libro engancha cunha linguaxe aguda e polémica. Velaquí unha novela documental e monumental, relato épico e crónica polo miúdo de como nace unha ditadura. O que semellaba imposible, ocurriu.

Cómpre ler. Cómpre aprender. E recordar. O profesor Scurati está convencido de que ao finalizar a lectura o antifascismo dos lectores, medio millón ata hoxe, sairá reforzado.

M. El hombre del siglo. De Antonio Scurati.