La mística en las religiones no cristianas: el reto de la no-dualidad’
Victorino Pérez Prieto
PPC, Madrid, 2024, 231 pp.
No seu amplo e denso traballo teolóxico, Victorino Pérez Prieto tense significado dun modo especial pola súa atención ao feito da non-dualidade á hora de falar de Deus e da relación deste co ser humano e, mesmo, co conxunto da creación. O descubrimento da personalidade humana e teolóxica de Raimon Panikkar levou a Victorino a interesarse en xeral polo conxunto das relixións non cristiás, atraído pola comprobación de que en todas elas se podía descubrir un halo místico que clamaba por unha aproximación a Deus na liña da unión profunda, da non-dualidade.

O libro ten tres partes. Na primeira (pp. 5-32), titulada Espiritualidad y mística. El tercer ojo y los tres ojos del conocimiento, o autor, moi atinadamente, abre o marco xeral que nos permite movernos polo mundo das experiencias relixiosas que irá debullando máis adiante.

Na segunda parte (pp. 33-68), No-dualidad, el reto más importante de la espiritualidad oriental, Victorino, con claridade e sentido pedagóxico, vailles facilitando aos lectores entender e simpatizar con este concepto relativo á mesma existencia de Deus e á relación deste con toda a creación, con toda a Realidade.

E na terceira parte (pp. 70-222), Victorino lévanos da man polo mundo da Espiritualidad y mística en las tradiciones religiosas no cristianas de Oriente. Coa brevidade imprescindible, pero tamén co detemento necesario, vainos aproximando á espiritualidade e á mística dos pobos de América do Norte e do Sur, á mística xudía da Cábala e do Hasidismo, á mística musulmá do Sufismo, á mística hinduísta, á mística budista e jaina, e á mística do taoísmo.

“Todas as relixións son un camiño para chegar a Deus”

Faino cun excelente procedemento pedagóxico, describindo a orixe e a particularidade de cada unha desas experiencias relixiosas, os movementos e as persoas que lles deron corpo, nome e notoriedade, e ofrecéndonos unha abundancia considerable de textos creados polos protagonistas de cada unha destas prácticas místicas, que tenden case sempre á procura e á realización dunha unidade plena. Dálle así substancia ao título do libro, pois na mística das relixións non cristiás o reto fundamental, o reto máis común e persistente, é sempre o da non-dualidade.

Nós, occidentais, levabamos na mente e no corazón a idea de que fóra do noso Deus todo era erro e mesmo condenación. E iso, a pesar de lle termos oído dicir ao Papa Francisco palabras como: «Hai un só Deus e existen varios camiños e linguas para chegar a Deus. Todas as relixións son un camiño para chegar a Deus e, como Deus é Deus para todos, todos somos fillos de Deus.»

Mais os textos e as vivencias que o libro de Victorino nos ofrece confirman outra maneira de ver as cousas: podemos —e mesmo debemos— vivir a nosa fe cristiá agradecendo e aprendendo tamén doutras experiencias relixiosas que xorden da mente e do corazón humano alentado, mesmo inspirado polo Ser, polo Espírito de Deus.

Grazas de corazón a Victorino Pérez Prieto, que nos axuda a coñecer mellor e a entrar nesta “experiencia plena da Vida, á que está chamado todo ser humano” (p. 11).