Os libros son palabras, frases, capítulos. Un agasallo de ideas. Lugar de encontro de dúas soidades clamorosas, a do autor e a do lector. Pero un libro tamén é forma, follas, pastas. Tamaño, tipo de letra. Este é un libro irritante. Polo formato cativo. Polo tamaño imposible das letras en tempos de presbicia. Desta volta, mellor o libro electrónico.
E iso que o tema é apaixonante. Populismo. Palabra desgastada. Pólvora fácil para políticos adictos ao ruído e a furia. E a argumentarios de medio folio.
O autor vai desenvolvendo e esculpindo o concepto ata que aparece con perfís nidios. Para o populismo, condición necesaria é ser crítico coas elites. Pero non abonda. O seguinte é seren antipluralistas, identificarse e mimetizarse co pobo. Pero a idea dun POBO único, homoxéneo, auténtico nun mundo de mestura éche unha fantasía. E a continuación, arrogarse o monopolio moral da súa representación. Fóra dela, só quedan os inimigos, os extremistas, os inmigrantes.
Populismo. Palabra desgastada. Pólvora fácil para políticos adictos ao ruído e a furia.
Algúns políticos son paradigma de populismo. Así, o ‘emperador’ Trump, que di representar en exclusividade o ‘verdadeiro pobo americano’. “America great again!”, ameazada por extremistas e inimigos exteriores, emigrantes, delincuentes e violadores que xibarizaron o soño da gran nación. Bolsonaro, incrible presidente do xigante sudamericano. Ou Erdogan berrando nun mitin: “Somos o pobo!, ¿quen son vostedes?”. O ultranacionalista indio Modi chega máis lonxe e tenta arrebatar a cidadadía a millóns de musulmáns. E Víctor Orban, o Movemento 5 Stelle, os vendedores de pócimas do Brexit, Maduro… Representan un perigo para a democracia que precisa respirar pluralismo. E obriga a preguntar: pero… quen está na ponte de mando do goberno do mundo? Uns líderes de brocha gorda que viven nun mundo de fantasía. E din representar un pobo puro oposto a elites corruptas.
O populismo éche o lado escuro da política representativa. Antielitistas e antipluralistas, só eles representan esa entidade homoxénea e moral cuxa vontade xamais está equivocada: o pobo. Sempre contan coa baza de “pobo real”, da “maioría silenciosa” contra os representantes elixidos polo número de votos. O populismo baséase nunha mentira: só hai un pobo e só eles o representan, arrogándose o monopolio moral da representación política.
A democracia plural e representativa non pode atacar os votantes de partidos populistas. “Son deplorables!”, equivocouse Hillary Clinton referíndose aos votantes de Trump. Non se poden excluír os votantes do debate político porque non todos son populistas e porque a democracia ten que atraer con ideas mellores e máis robustas o pobo. A fin de contas, recorda Habermas, o pobo só pode aparecer en plural.
¿Qué es el populismo?, un libro de Jan-Werner Müller.