Noventa e tres anos así de lúcidos, paixón polas ideas, orfebre da palabra, o logos que nos fai humanos, profesor e baluarte da escola pública, namorado da cultura grega: Emilio Lledó.

Toda unha vida na compaña de Platón, Aristóteles, Kant, Nietzsche… para descubrir, para nos descubrir o papel da filosofía: axuda a vivir.

“Sobre la educación” é zume concentrado do seu ideario ao longo de cinco décadas nas aulas

Velaquí o seu último libro, zume concentrado do seu ideario ao longo de cinco décadas nas aulas. Reivindicando o evidente, a vixencia da filosofía e da literatura, menosprezadas polo utilitarismo neoliberal. Nese credo a tecnoloxía ten un carácter máis utilitario e un impacto inmediato, pero os grandes conceptos que nos constrúen humanos, o ben, a xustiza, a verdade pertencen ao mundo máis pausado das humanidades. Esa luciña acesa nos adentros permite ver quen nos manipula e por que: ese mundo sucio das posverdades, das fake news.

As ideas, a linguaxe que late no libro nace do ‘Nosce te ipsum’ gravado no templo de Apolo, en Delfos. Outra vez de volta á luminosidade grega. A posibilidade de coñecerse a través da linguaxe, da mirada interior e da quentura enriquecedora do contacto humano. Por iso Lledó, fronte aos políticos que poñen un ordenador diante de cada alumno, reivindica máis profesores.

Sabe do que fala. A súa éche unha longa andaina polas aulas: Valladolid, Heidelberg, La Laguna, Barcelona, Madrid. Abrindo diante dos alumnos a dura, fermosa, vocación de pensar.

Velaquí un escritor filósofo que fai literatura. Velaquí un literato que é un dos nosos máis relevantes pensadores. Velaquí un afervoado defensor da educación pública, moderna e liberadora: paraugas que acubilla contra o azar e as desigualdades que impoñen as sociedades.

A súa traxectoria mereceu recoñecementos en Alemaña, en España; o último, o das Letras de 2014.

Neste libro reflexiona do que sabe, da educación: guiar, conducir, sacar algo de alguén, na etimoloxía latina. É dicir, desenvolver o dinamismo, a posibilidade, o progreso, o que cadaquén atesoura dentro.

Agora só queda ler Sobre la educación. La necesidad de la literatura y la vigencia de la filosofía. De Emilio Lledó.