A traxectoria de Victorino Pérez Prieto ao longo dos últimos corenta anos confírmao como un dos máis prolíficos e destacados pensadores galegos do noso tempo. Teólogo e filósofo de formación, durante lustros dedicado ao labor pastoral e dende hai anos nos labores docentes e autoriais, este galego nacido no Hospital de Órbigo é unha voz referencial nos eidos da cultura e a intelectualidade de noso, que volve estar de actualidade pola recente publicación de A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía, ensaio que ve luz da man da prestixiosa editorial Galaxia.

Só dende a complementariedade de ciencia, filosofía, teoloxía e mística poden desvelarse os sentidos últimos

Durante décadas Pérez Prieto foi dando a coñecer en palestras públicas, medios de comunicación e volumes as súas investigacións e escritos arredor de diversas cuestións que están na base do libro que agora presenta. De xeito resumido, ao meu ver son seis os ámbitos nos que o seu labor se ten proxectado con forza: os traballos verbo da relación entre o galeguismo e cristianismo; os textos a propósito da transcendencia, o religacional e o seu encaixe social; a escrita sobre ecoloxía e ecosofía; as investigacións como priscilianólogo; o profundar como especialista pannikarólogo, e as xeiras como historiador e antólogo da poesía confesional e confesante galega.

Todos eses eidos de estudo están presentes neste novo libro, unha obra imprescindible para mellor comprender o pensamento do real e o transcendental dende a integración das vías de coñecemento científicas e espirituais.

Todo o existente é un continuum, unha fluencia que explica a súa esencial unicidade e, neste sentido, o pensamento de Pérez Prieto é decididamente antifragmentarista. Mais esa unidade é harmónica, componse de partes entretecidas dun Todo (Deus) panreal, é un “tecido sen costuras”. Polo tanto, a realidade é unha holorrealidade (inter)relacional, o que explica a súa complexidade (isto é, o carácter complexus, abrazado, envolveito) como realidade e a necesidade ecolóxica (ou sexa, a imprescindible solidariedade das partes).

No seu ensaio, Pérez Prieto dialoga directamente coas teorías sobre o particular de Edgar Morin (complexidade do Todo) e Raimon Pannikar (cosmoteándrica), o que o leva a aproximarse á comprensión do real existente pola vía do dialóxico, o transdisciplinar e o pensar planetario, convencido de que só dende a complementariedade de ciencia, filosofía, teoloxía e mística poden desvelarse os sentidos e verdades últimas e que os vasos comunicantes do triángulo Deus-ser humano-mundo son os vértices para aprehender o significado do Todo.

Consecuentemente, esta ontoloxía de Pérez Prieto tínguese de pensamento eco e alter (ecopacifismo, ecofeminismo, ecoteoloxía e ecoespiritualidade, mais tamén altermundismo), de sensibilidade holística e dunha visión xenuína do relixioso, que pon en conexión espiritualidades orientais e occidentais, reivindica a Biblia Verde e o vínculo Deus-Natura e desbota a consideración dual da realidade para asentar no total real, tomando como exemplo o que de converxentes con estas ideas teñen figuras precedentes tan dispares como Francisco de Asís (s. XII-XIII), San Juan de la Cruz (s. XVI) ou Pierre Teilhard de Chardin (s. XIX-XX).

Escrito con tanto rigor como amenidade, enraizado no enxebre e con vontade cosmopolita, este A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía é unha achega reveladora, de interese para físicos, filósofos, teólogos e místicos e que moito debemos agradecer a Victorino Pérez Preito, pensador senlleiro e irimego dende as orixes ata o sempre.