Apenas duascentas follas. Que se len ben. Falan de cidades no país dos 30 000 núcleos de poboación. Unha Galicia rural que está aí. E a carón, a do s. XXI, que, coma en todo o mundo, será urbana.
O autor propón outro modelo de futuro para Galicia. Lonxe do País das Fisterras provincianas pechadas sobre si mesmas, hai outro baseado na conexión das súas cidades. Entre si e co norte de Portugal. Moitos lugares pequenos e só dúas cidades de 200 000 habitantes. Nun mundo cun acelerado proceso de urbanización que concentra en megalópole demografía, economía, enerxía.
Como en Holanda, unir as cidades por tren en media hora. Un continuum económico, social e cultural entre Galicia e Portugal
Galicia, cun modo peculiar de vivir, un xeito de falar e unha maneira de ocupar o territorio, está nun recuncho das Españas que irremediablemente orbitan ao redor do xigantesco burato negro de Madrid, comunidade artificial inventada como contrapeso de Barcelona. Somos un país invertebrado: a Franxa Atlántica concentra economía e poboación. A carón de Portugal tenta manter lingua, cultura, personalidade na procura dunha España policéntrica, como policéntrica é ela. Para que o futuro no esvare fóra. Para que non sigamos perdendo poboación, desta volta xente nova e titulada. Para que Galicia, cunha pirámide de poboación coma unha buxaina, non sexa condenada a ser un ‘país de anciáns, falando de cousas vellas en casas antigas’. Mentres a xigantesca inversión educativa está a producir valor engadido fóra, da man da rapazada que emigra.
Proponse, como se fixo en Euskadi, en Holanda, unir as cidades por tren en media hora. E potenciar un continuum económico, social e cultural entre Galicia e Portugal, á maneira do corredor mediterráneo. Para superar o localismo que duplica infraestruturas, aeroportos, portos infrautilizados.
A Galicia das aldeas, moitas delas xa abandonadas ou condenadas, durou séculos, pero está a desaparecer diante dos ollos. Daquela, preténdese outra cun desenvolvemento harmónico. Cidades con maior calidade de vida. Cun urbanismo de rostro humano que as faga vivibles, respirables, habitables. Sen perder a estatura humana. Cun 70 % vivindo en cidades, camiñamos aceleradamente cara a un país que precisa facer máis densa a trama urbana, mellorando redes de comunicación e transporte. Onde se entende mal o atraco da AP-9 fronte á gratuidade da A-6.
Olanda ou Galicia. A das sete cidades máis Arousa e a Mariña tan urbana. Concibida como proposta de futuro, como cidade única: imán de poboación, economía, investimentos, recursos, enerxía creativa, talento se é quen de crear e potenciar un eixe atlántico co norte de Portugal.
O longo título é pista e resumo deste libro necesario. Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal nun escenario global. De Antón Baamonde. Estas liñas son unha afervoada invitación á lectura.