“Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados”, escribe a nosa Xela. E recorda ao poeta xigante Celso Emilio Ferreiro, o dos aceirados versos de ‘Deitado frente ao mar’: “…eu fáloa porque si, porque me gosta e quero e dame a gana”.

Descoñecida Xela Arias, que sempre se lembraba a si mesma escribindo, tan fiel ao dito latino Nulla dies sine linea. Nin un só día sen unha liña, sexa para un debuxo, para un conto, para un texto, para un verso. Eses textos e poemas reflicten a súa temperá querencia polo protagonismo feminino. Extraendo versos, xa en Vigo, dos pulsos da rúa: aquel referendo sobre a OTAN, a desgraza do Prestixe, os crimes e criminais de guerra en Irak revelan a dimensión comprometida e rebelde da escritora. Os estudosos da súa obra din que é inclasificable e allea ao corsé das xeracións poéticas.

Dela aprendemos que os libros non son cadáveres nos andeis das bibliotecas, senón compañeiros de viaxe vivos, enriquecedores, imprescindibles. Que a poesía pode ser un acto de rebeldía colgada na parede nunha exposición, a carón de fotografías de desnudos da mesma Xela. Que os versos teñen a obriga de saír á rúa e non esmorecer refuxiados no exquisito silencio do lector.

Este libro de Xerais, Poesía reunida, éche unha ventá aberta á poesía desta escritora sen xeración, que se nos foi tan nova. Velaquí unha escolma dos seus libros Denuncia do equilibrio, Tigres como cabalos ou o fermoso diálogo entre versos e fotografías, Darío a diario, achegamento á terra fértil e inexplorada da maternidade, e Intempériome.

“Temos o deber moral de sermos intelixentes”, recorda Gregorio Luri no seu manifesto a prol da educación. E unha das portas desa educación esixente e luminosa éche a lectura. Desta volta, a poesía de Xela Arias. Temos que ler os seus versos, á “busca da vida poderosamente iluminada”. “Que non busca victorias… e non afoga en derrotas”. “Non me interesa falar de felicidade… Quero describir o que me ensinaron a ocultar”, di. “Para que os poetas hoxe?”, pregúntase a si mesma. “Para cuestionar a orde establecida, para entender o mundo, para entenderse a si mesma”, contesta.

Pasou o día, pasou a romaría oficial do Día das Letras Galegas 2021, dedicado a esta rapaciña de Sarria, a esta muller viguesa, a esta poeta galega, Xela Arias. Todo un pretexto e unha invitación a ler. A ler poesía. A ler en galego. Ler tamén como deber moral. Hai moitos versos, moitos poemas onde escoller. Por exemplo, nesta escolma de Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias.