Acesa lus dun malogrado abrente,
circio mestre, de circia mocedade,
siso, pulo, paixón, saber, bondade,
corazón xeneroso, limpa mente.

Varudo paladín na loita urxente
–viñera o tempo da maturidade–,
man na fouce, segache a nosa herdade,
á chamada dos bardos, obedente.

A túa vida foi curta e non puideches
cumprir, daqueles, o mandado inteiro,
mais, ao dar o teu sangue, ti soupeches,

mártir e loitador, trunfar da morte
e conquerir o posto de guieiro
da Galiza inmortal, enfesta e forte.

 corgomo