Clodio González parécese moito a Antonio Fraguas: foi mestre, é un investigador incansable cunha vasta obra publicada e pertence ao Padroado do Museo do Pobo Galego. E, ademais, irimego. Hoxe traemos aquí esta entrevista porque Clodio é autor dun detallado estudo sobre a vida e a obra de Fraguas. Velaquí un pequeno resumo.

“Fraguas era unha persoa fóra de serie”

Como foron os primeiros anos de Antonio Fraguas?
Naceu en Loureiro de Cotobade o día dos santos inocentes de 1905. Por iso el dicía que era un inocente. O pai emigrara e cando volve el empezou a estudar en Pontevedra o bacharelato. Despois fixo Filosofía e Letras en Santiago e foi aí onde entrou en contacto so Seminario de Estudos Galegos.

foi un gran coñecedor das tradicións galegas

E que labor desenvolveu dentro do Seminario de Estudos Galegos?
Entrou no SEG en 1924. Foi un investigador que participou en varias xeiras que facían por toda Galicia, coma a que deu lugar ao libro Terra de Melide e outros que non se chegaron a editar, coma Terra do Deza; publica en Arquivos, que era a revista do Seminario e ademais tamén se ocupou da biblioteca do mesmo. Despois da Guerra Civil seguiu traballando no Instituto Padre Sarmiento, que era o herdeiro do Seminario.

De todos os eidos aos que se dedicou, cal cres que foi o máis relevante?
Foron dous: etnógrafo e historiador. Foi un gran coñecedor das tradicións galegas (a súa nai era labrega e seu pai, canteiro). Publicou moitos artigos sobre xeografía, e tamén sobre a súa terra, por exemplo, O cantigueiro de Cotobade. Ademais foi un gran conferenciante e un gran difusor da cultura galega. Tamén colaborou na prensa con centos de artigos, ata poucos días antes de falecer.

Cal foi a relación de Antonio Fraguas co Museo do Pobo Galego?
Foi o primeiro director do Museo do Pobo Galego dende a súa creación en 1977 ata que falece Xaquín Lourenzo, “Xocas”, e despois, presidente do Padrodado ata o seu pasamento en 1999.

Que títulos consideras imprescindibles dentro da súa bibliografía?
Ten unha bibliografía moi ampla. Algúns non son libros, senón traballos en profundidade sobre moitos temas. Se tivera que escoller eu citaría Romerías e santuarios, As festas populares de Galicia, Galicia insólita, que recolle tradicións hoxe perdidas coma a festa do lumepán en Rois e O traxe galego, do que foi un grande experto.

Como che gustaría que fose lembrado neste ano dedicado a el?
Como intelectual galeguista, como un gran galego e como un bo e xeneroso. Era unha persoa fóra de serie.