Afonso Vázquez Monxardín

Afonso Vázquez Monxardín, catedrático de Lingua e Literatura Galega, académico correspondente e secretario da Fundación Otero Pedrayo é un gran coñecedor da Xeración Nós. Nesta entrevista fálanos da relación de Carvalho Calero con esta etapa brillante da nosa literatura, pero tamén dos distintos compromisos aos que estivo ligado o autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

“Estamos construíndo a ponte musical entre os países de raíz galega”

Por que merece Carvalho Calero este Día das Letras que tanto lle tardou en chegar?
Eu creo que don Ricardo Carvalho Calero merece este recoñecemento porque é a persoa máis transcendente nos estudos de lingua e nos estudos de literatura do último século. E, desde logo, estamos perante un dos principais referentes da modernidade deses estudos.

Foi un home de múltiples compromisos

Cales son os eixos vitais de Carvalho Calero?
A Ricardo Carvalho Calero hai que velo baixo varios prismas. Como sabemos, nace no ano 1910 e 1920 empeza a publicarse a revista Nós, cando el aínda era un neno. Xa de moi noviño entra en contacto con aquela xeración de persoas maiores ca el e empeza a traballar tanto a nivel de creación literaria, en primeiro lugar como poeta e despois como novelista: entre outras cousas, foi o autor da primeira grande novela galega da posguerra: A xente da barreira. Moitos anos máis tarde publicou Scórpio, a súa obra narrativa máis destacada. Ten tamén una faceta de crítico literario interesantísima e que iniciou moi pronto: cando ten 25 anos, por exemplo, publica na revista Nós unha reflexión sobre a que el chamaba a Xeración de Risco, que é Xeración Nós.

Historia da Literatura Galega contemporánea

Que relación tivo coa revista?
Na revista Nós ten nin máis nin menos que 27 colaboracións, que é un número importantísimo tendo en conta que, como dixemos, era un neno cando cando apareceu esta publicación. Na revista ten seis artigos de reflexión sobre a literatura, un deles titulado “A poesía galega actual”, que publica con 21 anos. Ten outro sobre a poesía de Fermín Bouza Brey e despois outros, para min os máis importantes, coma esa reflexión nos últimos números de nós cando el ten 25 anos sobre a xeración de Risco. Ademais, ten once poemiñas de creación que publica desde os primeiros números case ata o final. E, por último, fai e recensións críticas de libros que van saíndo: de Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo e outros autores. Con eses artigos é unha das persoas da súa xeración que máis contribúe a sistematizar xa a literatura galega.

A Historia da Literatura Galega contemporánea é unha obra monumental

E outra das súas facetas é o labor docente, non si?
Así é. Despois de ser represaliado comezou no colexio Fingoi de Lugo e máis tarde no Rosalía de Castro de Santiago. A partir do ano 1972 foi a primeira persoa que deu clases de Lingua e Literatura galegas na Universidade de Santiago. Alí formou as primeiras xeracións de profesorado especialista na nosa lingua.

Sempre, polo tanto, traballando desde o compromiso.
Si, a súa faceta de compromiso social sempre foi con el. Tamén desde moi noviño militou no Partido Galeguista. Despois da guerra, sufriu a represión porque fora militar do bando republicano, así que foi un home de múltiples compromisos. O último da súa vida, o compromiso que tiña coa lingua como autor da Gramática elemental del gallego común e da Historia literatura galega contemporánea.

Que representou para o reintegracionismo?
Nos últimos anos da súa vida foi a figura senlleira e identificadora deste movemento que defende a aproximación entre galego e portugués. Isto distanciouno un pouco de certos mundos culturais dos que antes estaba moi próximo, como grupo de Galaxia, o que non supón ningún demérito, nin moitísimo menos, na súa longa e intensísima traxectoria intelectual.

Foi o elo entre a xeración da preguerra e o da democracia

Cal foi o seu lugar dentro da súa xeración?
El é un home que, por idade, podiamos clasificar dentro da Xeración do Seminario de Estudos Galegos. Na etapa de preguerra é un mozo tremendamente activo, tanto no plano cultural coma no político. Trala guerra, nos anos 50, 60 e 70, dentro dese reparto que fan os do Grupo Galaxia, que é o motor cultural da época, se Paco del Riego é o que traballa no día a día da editorial, os temas de lingua e literatura quedan nas mans de Carvalho Calero. A Historia da Literatura Galega Contemporánea é unha obra monumental (fora a súa tese de doutoramento e despois publicada en libro a partir de 1963) e a Gramática elemental del gallego común foron as obras nas que a xeración seguinte recolleu o relevo da anterior. Así que el serviu de elo entre o mundo da preguerra e o do inicio da democracia.