“Xela Arias foi unha pioneira da tradución profesional en galego”
Iria Taibo é a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, unha asociación que creou o premio Xela Arias como unha forma de recoñecer o labor de pioneira da poeta no campo da tradución profesional e tamén para valorar o galego como lingua de traballo.
Cal foi a importancia de Xela Arias como tradutora?
Penso que foi unha importancia bastante grande. Ela comeza a traducir nos inicios da normalización lingüística e fíxoo cun número importante de obras tanto da literatura universal como infantil e xuvenil. Traduciu, entre outros autores e autoras, a Castelo Branco, Bram Stoker, Gianni Rodari, Angela Carter, James Joyce ou James Fenimore Cooper.
Xela procurou traducir obras que tivesen unha importancia especial, que fosen especialmente atractivas para mozos e mozas.
Por que decidistes crear o premio Xela Arias?
A Asociación creou o premio Xela Arias porque coincide en moitos aspectos cos nosos obxectivos: primeiro por facer ver a importancia da lingua galega como lingua de traballo, e aí Xela foi unha persoa que destacou moito; despois, pola defensa da tradución profesional. Ela comezou a traballar en Xerais como editora e como tradutora e é unha das iniciadoras da tradución moderna.
Que importancia tiveron para a normalización da lingua galega esas obras traducidas por Xela?
Está claro que o de Xela é un proxecto moi interesante porque procurou traducir obras que tivesen unha importancia especial, que fosen especialmente atractivas para mozos e mozas. E nun momento en que se estaba iniciando a normalización lingüística, foi moi importante para a nosa lingua que houbese obras interesantes, que fosen accesibles e que estivesen directamente en galego.