“Xela escolleu sempre o camiño propio”

Montse Pena, profesora da USC especializada en crítica literaria, publicou unha excelente biografía de Xela Arias titulada Intempestiva e editada por Galaxia. Nesta entrevista ofrécenos as claves da vida e da obra da poeta á que se lle dedica este Día das Letras Galegas.

Por que resultou tan sorprendente Denuncia do Equilibrio, o primeiro libro de Xela?
Porque aí está a poeta urbana e iso é o que sorprende tanto: de súpeto, na súa poesía aparecen as rúas, os bares, a noite, algo que na poesía galega da época non era habitual. Para min é a esencia da Xela nova que empeza a experimentar coa linguaxe, que ten moita pegada dos autores que a ela lle gustaran de adolescente, coma Rimbaud.

Fixo da rebeldía a súa marca de estilo

Tigres coma cabalos tamén foi unha obra moi innovadora.
Eu diría que o fundamental en Tigres coma cabalos é a experimentación artística que contén esta obra, porque é unha especie de álbum ilustrado poético na que se mesturan a poesía e a fotografía e que funciona moi ben se é entendido como ese intento de Xela Arias de sacar a poesía dos andeis, algo que conecta moi ben co seu interese polas artes en xeral e coa súa presenza en recitais e festivais poéticos.

Que ten de especial Darío a diario, o poemario que naceu canda o fillo de Xela?
Persoalmente, creo que é o mellor libro de Xela. Ten unha linguaxe máis transparente, permítese acompañar sen impoñer… Penso que marca un fito na poesía galega contemporánea, polo tema que trata e por como o trata. Sobre todo, é un libro moi delicado e moi especial.

Christina no altar

E todo o que se podía enxergar nas obras anteriores desprégase en Intempériome.
Si, eu creo que culmina o proceso de linguaxe depurada de Xela. Podemos ver aí a esencia da súa poética: ese xogo cos neoloxismos, ese xogo cos pronomes… pero tamén o pouso existencial que está presente en toda a súa poesía e que nesta obra se fai absolutamente evidente.

O compromiso e a coherencia son dous valores fundamentais en Xela

Xela foi unha persoa de múltiples compromisos, non si?
Si, era unha persoa moi comprometida coa sociedade do seu tempo. Só hai que ver como se implica na plataforma Burla Negra cando encalla nas costas galegas en novembro de 2002 o petroleiro Prestige, como participa no movemento Non á guerra… Dende o comezo da súa vida en todas as causas sociais que a demandaban alí estaba ela. Para ela, o compromiso e a coherencia eran dous valores fundamentais.

Libros Montse Pena Presas

E entre esas causas sempre estaba o feminismo ou o nacionalismo.
Escribir un libro sobre a maternidade no ano 96 era algo absolutamente revolucionario. Nunha das súas entrevistas di que será feminista e nacionalista mentres as mulleres non deixemos de estar subxugadas e mentres as nacións non o deixen de estar tamén. Ese compromiso, sen militar en ningunha organización, vaino manter toda a súa vida e vese na súa biblioteca, onde ten moitos libros feministas, pero tamén se ve na escolla que fai para publicar nas revistas, coma por exemplo a Festa da palabra silenciada, na que publica dende moi nova e obsérvase que era unha escolla moi marcada para a época.

A lingua galega era o seu máximo convencemento

E entre esas causas estivo sempre a a lingua galega.
Ela tiña moi claro cal era a súa lingua. Ao principio, porque se criou nunha familia galeguista e porque lle falaron galego dende nena, a pesar dos prexuízos que podía haber nos anos 60, pero despois foi un posicionamento propio: fixo do galego a súa ferramenta de traballo e tamén era o seu máximo convencemento.

Cal cres que é o trazo que mellor define a Xela Arias?
Eu creo que me quedaría coa súa rebeldía: coa súa rebeldía vital, que a levou sempre a escoller o camiño propio, non o marcado pero tamén coa súa rebeldía literaria da que diría que fixo a súa marca de estilo, porque sabemos que Xela non participou en ningún dos colectivos poéticos do momento e foi, no literario, buscando o seu propio camiño. A súa máxima, ao final, era a liberdade: a liberdade de estar satisfeita co que unha mesma fai.