“Florencio foi un home dun gran compromiso ético”
Ricardo Gurriarán

O profesor Ricardo Gurriarán é o mellor biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1986), o poeta valdeorrés ao que se dedica este ano o Día das Letras. Na súa casa falaban de tío Florencio coma dunha figura espectral que un día fixo a súa aparición ante a sorpresa daquel neno educado na escola franquista. Este Día das Letras, asegura Ricardo, debe servir non só para descubir a obra dun poeta republicano e galeguista de gran valía senón para tomarmos conciencia do inmenso labor que levaron a cabo as persoas que coma Florencio formaron parte do exilio mexicano.

Que che parece que a Real Academia Galega escollese a Florencio como unha forma de homenaxear a todo o exilio de México?
Creo que é unha decisión moi acaída escollelo como elemento representativo ligado ao exilio mexicano. Para min é o máis importante: subliñar e contextualizar este nomeamento en relación co labor realizado polas persoas exiliadas alí. O compromiso ético de Florencio foi moi relevante e, por outra parte, o exilio de México estaba un pouco esquecido.

Os seus primeiros poemas están ligados á terra de Valdeorras

Coñecíchelo persoalmente?
Tiven contacto con el as tres veces que veu de viaxe a Galicia. Na casa chamabámoslle tío pero case podía ser celestial. Sabía que tivera que marchar despois da guerra pero pouco máis, dentro daquela educación do silencio que foi a que recibín eu en pleno franquismo. E, de repente, ver chegar ao tío Florencio de México era para min coma unha aparición.

Dentro das moitas liñas que se atopan nos seus poemas unha ben clara é a da defensa da lingua.
Si, eu creo que o que escribe, prende. Esa defensa da lingua que fixo no seu tempo é unha das cousas que máis me chama a atención nel. Sempre tivo claro que a lingua é importante, que a recuperación da lingua é importante, que ten que estar viva, que é o elemento fundamental de transmisión e socialización. E tamén fixo poemas contra os que arremeten contra ela: hai aí unha compoñente sociolingüística importante para afirmar que o galego ten vida e que tiña que ter máis presenza.

Ricardo Gurriarán

El foi un discípulo dos membros da Xeración Nós, non si?
Si, Otero Pedrayo foi moi importante para el nas súas primeiras aproximacións ao galeguismo. En seguida constituíron agrupacións por todas as parroquias arredor do Barco e celebraron desde ano 1930 o Día de Galicia. No 34 coñeceu a Bóveda e a comarca de Valdeorras foi adquirindo importancia. Adoptou un firme compromiso co galeguismo e coa República e xa no 36 apostou pola Fronte Popular. Pasou o que pasou e, como el dicía, despois de xogar e perder, pagar e calar, darlle sebo ás canelas e largarse para o exilio.

A súa biografía parece de película.
Abofé que si. Ao comezo da guerra civil andou agachado por aí, logo pasou disfrazado a Portugal, foi de polisón nun barco ata Bordeos, e volveu entrar na fronte de Cataluña onde viviu perdendo a guerra. El traballaba no Servizo de Información Periférico levando un tipo de labor medio de espía medio de axuda e rescate de xente que o estaba pasando mal en Galicia. Ao final do conflito foi un dos organizadores do exilio, e axudou a sacar xente dos campos de acumulación de refuxiados -nunhas condicións penosas- que había no sur de Francia e encamiñalos cara a América. Fretaron un par de barcos: o Ipanema e o Mexique. No Ipanema foron boa parte dos galeguistas que arribaron a México por Veracruz e que non se separaron aínda que vivisen en localidades diferentes. Moitos asentáronse na capital e outros, coma Florencio, en Guadalaxara. Xuntos foron avanzando na aglutinación de todos os exiliados e puxeron en marcha un notable labor cultural con froitos coma a revista Saudade ou o Cancioneiro da loita galega.

Non quería que se esquecesen os seus poemas de loita

Este Cancioneiro foi unha obra colectiva moi importante.
Si, foi publicado polo Partido Galeguista e tivo en Florencio o máximo responsable. Foi un libro moi interesante de combate e de loita que el quería apoiar. Nos contactos que eu tiven con el as tres veces que veu a Galicia, tiña interese porque non se esquecese a poesía de combate e o referente republicano. El sempre mantivo ese fondo compromiso ético coas liberdades cuxa defensa o obrigaron a partir no ano 39.

Que papel tivo no exilio de México?
Era unha persoa alegre que evitaba confrontacións de tipo ideolóxico ou político para levar a bo porto proxectos comúns. Todas as persoas daquela época que puiden entrevistar gababan ese papel de aglutinador que tiña Florencio. E alí practicou o activismo político e cultural toda a súa vida.

Boa parte dese activismo cristalizou na revista Vieiros.
Vieiros foi moi importante. Xorde do Padroado da Cultura Galega en México. A súa participación foi importante porque tiña sona de bo lingüista e bo corrector. Ademais pensaba que o imán da lingua tiña que estar non só na literatura senón que lle daba moita importancia á linguaxe económica e científica. E a revista Vieiros dá esa clave: fálase de política, de economía, de poética, de cultura… E sempre tendendo pontes con Galicia. Houbo moi poucas publicacións do exilio que se fixesen con esas premisas.

Libros Ricardo Gurriarán

Que clase de poeta foi?
Nun primeiro momento -no poemario Bebedeira– foi un poeta moi ligado á súa terra e ao seu val de Valdeorras, pero estamos ante un home de escenarios dinámicos. Primeiro fixo esa poesía moi pegada á natureza, ás cores da paisaxe, a fauna, á toponimia e coa base de defensa da lingua.

Pero axiña chegou a guerra…
Claro, e aí mutou en poesía de combate, poemas antifascistas, composicións dedicadas aos asasinados, coma o soneto a Alexandre Bóveda, contra ao dobre moral dos católicos que apoiaban o fascismo…

Foi un activista político e cultural moi importante no exilio

E ao perder a guerra e exiliarse en México temos outro xiro de guión…
Xusto. De aí chega a outro mundo totalmente distinto como é México, con outras cores, outras músicas, outros nomes e a súa poesía volve cambiar. El era un home curioso e sinxelo. Tamén moi musiqueiro, ao que lle gustaba cantar e bailar. Era un home moi aberto, alegre, sensible. Gustáballe moitísimo a música brasileira, pero tamén o fado, o tango, a música negra… E isto tivo unha tradución na súa poesía.

É dicir, que son varios poetas nun.
Si, pero tiña moi claro que non quería que se esquecesen os poemas de combate e loita. Que Cantarenas e a poesía de Valdeorras está moi ben, pero o mal que o pasaron tanto a xente do exilio coma a que quedou en Galicia non podía ficar no esquecemento.

Para que che gustaría que servise este Día das Letras dedicado a Florencio.
En liña co que el pensaba, creo que é un bo momento para dicir que pasou e como pasou: que o exilio e a guerra civil foron elementos substanciais na nosa historia e que foron branquexados durante unha ditadura que durou moito tempo. Ter presente o que sufriu toda aquela xente que tivo que deixar a súa vida e todo o seu aquí e que tivo que estar corenta anos fóra. Iso tense que saber e lembrar.