A nova lei do audiovisual contempla cotas de emisión e catálogo, cotas para o financiamento de producións por parte das compañías emisoras e regula a presenza das linguas do Estado nas interfaces, audiodescricións e subtítulos. En todos os casos, contémplanse porcentaxes que se refiren sempre á lingua oficial do Estado ou a “algunha das linguas das comunidades autónomas”. “Esta expresión foi só emendada por BNG, Podemos, PNV e Bildu”, denuncia o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “malia estaren todas as organizacións políticas advertidas pola Mesa pola Normalización Lingüística de que pode supor a exclusión de todas as linguas minorizadas do Estado, menos unha”.

Rematado o prazo para presentar emendas á nova lei do audiovisual, A Mesa pola Normalización Lingüística advirte que os artigos sobre cotas de emisión, catálogo, financiamento e dobraxe por parte das plataformas de vídeo e das canles de televisión só citan “a lingua oficial do Estado e algunha das linguas oficiais nas comunidades autonómas”. Segundo a entidade de defensa da lingua, o emprego sistemático desta expresión podería deixar a nosa lingua fóra das conquistas alcanzadas, en gran medida, grazas á mobilización da sociedade galega a partir da Iniciativa Xabarín.

“Estamos a tempo de que o galego non fique excluído do audiovisual para as próximas décadas”

Este feito formou parte das reivindicacións da manifestación a favor da lingua na convocatoria de Queremos Galego do pasado 17 de maio. Sen presenza de galego no audiovisual, as dificultades das familias para transmitir e as limitacións para a incorporación de novos falantes son moito maiores. A nova lei audiovisual estará vixente nas próximas décadas.