Este ano nas Letras Galegas festexámo-la obra cultural e patriótica do escritor Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá 1913 – Vigo 2010), que só asinou co seu nome e apelidos unha parte pequena da obra inmensa que escribiu. Unha boa parte asinouna como Salvador Lorenzana (el era de Lourenzá) ou só poñía S.L. ou simplemente nada: publicaba como anónimo. Era a maneira de actuar dos homes de Galaxia. E curiosamente todos o coñecemos como Don Paco, no que o Don de respecto combina de maneira insólita co informal Paco. Hai xa vinte e un anos, moitos seguidores seus fixémoslle en Vigo unha homenaxe no teatro García Barbón, entregándolle no remate un libro no que algúns dos presentes fixerámo-lo retrato del con palabras nosas e con ilustracións de Antón Pulido 1. Dese libro colectivo e do que alí se dixo extracto aquí (coa ortografía orixinal) algunhas cousas que xa se dixeran del e outras que nós tivemos a oportunidade de dicirllas alí publica e persoalmente nese 8.3.2002, cando el xa tiña a punta do pé nos 90 anos. E dixémosllas.

Orador político

Coñecino presentando en Compostela a Castelao que ía dar unha conferencia na Universidade. A voz emocionada e profunda daquel estudiante de Dereito era unha das firmes promesas para o noso futuro político e social (Felisa de Vilacoba). Orador ígneo, rotundo, imprecador e convincente (Marino Dónega). Chegou a ser mítica a súa caudalosa e ricaz oratoria de grande arrastre persuasivo (Benxamín Casal). De 1931 a 1936 foi un dos estudiantes máis activos na prensa e na tribuna política (Camino Noia). … [sendo] aínda estudiante, dixo conferencias alternando –foi no Porto- co ilustre Leonardo Coimbra, o máis fulgurante verbo da elocuencia portuguesa moderna (Otero Pedrayo).

Caza-talentos e incitador de escritores

É un caza-talentos para a cultura galega. Coas súas agudas e prudentes apreciacións ten posto a traballar por Galicia o melloriño da intelectualidade deste país (Pilar Díaz).

Promotor literario… que suscitou escritores coma Cunqueiro e Celso Emilio e que animou o nacemento doutras editoriais (Xulián Maure).

nos tempos de Franco, Don Paco viña sendo, máis ou menos, o Ministro de Asuntos Exteriores da galeguidade

Ameno, suxeridor, engaiolador nas tertulias (Marino Dónega), Don Paco foi o primeiro lector da Escola de menciñeiros, As crónicas do Sochantre e tantas outras obras, hoxe clásicas, da literatura galega (Benxamín Casal). Cunqueiro é, en parte, don Paco, … todos somos un pouco don Paco (V. Freixanes).

Normativizador da lingua

Coma os grandes editores do Renacemento veneciano ou parisino, Fernández Del Riego foi unificando a escrita variopinta dos autores e pulindo con sensibilidade académica localismos e idiotismos impropios dos rexistros cultos da lingua escrita (Xulián Maure).

Atención á correspondencia

Son moitos os galeguistas dos tempos de Franco que confesaron que nos momentos de crise persoal e mesmo de prisión nunca lles faltou a carta de don Paco. El foi, polo que se ve, quen desde Vigo mantivo contacto máis intenso cos galeguistas exilados. Toda a correspondencia que de Castelao chegaba a Galicia pasaba pola man de Don Paco. E nesas cartas librouse unha loita fraternal entre os que estaban aquí e facían o que podían e os de fóra que esixían máis cousas. E nese esforzo logrouse o que se logrou. A elas debemos, coma tal, a edición da monumental Historia de Galiza (que parou no terceiro tomo) e o Diccionario Enciclopédico de Rodríguez González. En certa medida, nos tempos de Franco, Don Paco viña sendo, máis ou menos, o Ministro de Asuntos Exteriores da galeguidade, como dixo Ramón Piñeiro.

Engadirei algo: Don Paco foi para moitos galeguistas un segundo pai.

Francisco Fernández del Riego

En 1972 con Díaz Pardo, Piñeiro e García Sabell no museo de arte contemporánea Carlos Maside

Discreta pero intensa atención á infraestrutura espiritual de Galicia

El non estaba a facer curriculum. Agachou a súa ricaz personalidade embaixo de encubridores pseudónimos (Marino Dónega). Non sabes se estás con Salvador Lorenzana, con Cosme Barreiros, con Adrián Solovio, con Adrián Soutelo ou co mesmísimo Francisco Fernández Del Riego. Pero dunha cousa acabas sempre seguro: de que se pode loitar sen angustia e traballar con esperanza, de que a vida segue a deitar enerxía e de que o compromiso non está rifado co gozo (A.T. Queiruga). Francisco, Salvador e Cosme, un trío de escritores que me facían estremecer de emoción [no exilio canadense], como si me estiveran a falar con verbas garimosas (Felisa de Vilacoba).

El non estaba a facer curriculum. Ninguén tan xeneroso, tan disposto ó sacrificio calado e continuo pola Terra

Don Paco preocupouse durante 25 anos da infraestrutura de revistas decisivas no seu momento coma A Nosa Terra, Ser, Alento, Galicia Emigrante, Revista de Economía de Galicia e sobre todo de Grial. En todas elas, aínda que é máis coñecido na última, foi o obreiro milmañas que buscaba colaboracións, que enchía as páxinas que quedaban baleiras, que atendía a infraestrutura do prelo e do correo. Cumpliu un labor non superado na bibliografía galega, na fabricación do libro, no rigor editorial, consecuente co seu saber e ética (Díaz Pardo). A súa presencia nas ‘Ediciós do Castro’ foi e é importante (Díaz Pardo).

Home dinámico, sempre mozo de sorriso e de espírito (Benxamín Casal).

Dionisíaco e apolíneo

Este don Paco, a quen lle gustaba o tango e o pasodobre e recita-las Campanas de Anllóns con voz de tribuno, tiña tanto horror á cebola coma a que na mesa de traballo lle desordenasen o abrecartas ou os bolígrafos. Era traballador disciplinado e calado.

Era socio do Celta, entendido en viños, perito en manxares enxebres, amigo de viaxar, compañeiro de farras gastronómicas co mesmo don Ramón Otero Pedrayo, admirador da alma e do corpo de Sofía Loren, devoto das boas cancións tabernarias, … Dito doutro xeito, Del Riego era partidario da policromía da vida (Alonso Montero).

E xunto a iso, a conciencia de que, detrás da exuberancia vital e do talante dionisíaco [del], estaba a disciplina prusiana do intelectual, madrugador puntual e traballador impenitente, que repasa orixinais, que con puntualidade helvética organiza a revista Grial e que, incansable, escribe investigacións e artigos sobre o total espectro do universo histórico e sobre todo literario. Apolo dándolle a man a Diónisos, a fantasía polos camiños da disciplina, a vida que non refuga as regras indispensables para a eficacia (Torres Queiruga)

Disciplina

Traballador disciplinado e incansable (Marino Dónega). Currante de tropecentas horas amarrado ó duro banco do seu laboreo vario, a golpe de tecla de máquina de escribir, por acadar novos pulos para a república das letras do noso tempo… É mago porque posúe o alento que converte en esperanza o estudio e o esforzo persoal. Porque sabe anima-las obras alleas. (Pilar Díaz).

A política chamaba todas as mañáns, moi cediño, á porta daquel mozo de Lourenzá e acompañouna sempre, inda nas épocas máis difíciles da nosa historia (Antón Fraguas). Paco fixo moito e bo por esta Galicia das nosas ansias e das nosas penas (Avelino Pousa Antelo).

A súa vontade férrea deseñou na adolescencia unhas severas metas, e foi construíndo a vida propia como unha obra de arte e como un paradigma de dignidade persoal e de conducta democrática (Méndez Ferrín).

Tribuno da plebe que fai posible a liberdade e o acordo na súa negociación. Coa súa mediación téñense firmado os mellores convenios de Citroën e Indugasa e resolto outros conflictos sindicais, municipais e de toda Galicia (Pilar Díaz).

Perenne mocidade

Ninguén entre nós é tan mozo de esprito como il é; ninguén tan xeneroso, tan abnegado, tan disposto ó sacrificio calado e continuo pola Terra; ninguén tan entusiasta e tan incasábel na defensa do noso pobo e do seu patrimonio espritoal e material; ninguén tan exemplar na súa lealtade integral –cáseque relixiosa – á noble causa de Galicia (Ramón Piñeiro). O metal aúreo de que se compón Del Riego é parte principal do tesouro secreto da patria: a trabe invisíbel que aínda -¿por canto tempo? – sostén todo (Méndez Ferrín).

Nestas Letras Galegas 2023 festexámo-la obra cultural e patriótica dun escritor que só asinou co seu nome e apelidos unha parte mínima de canto escribiu.

1– VVAA (2002): Francisco Fernández del Riego. Homenaxe. Portada e debuxos interiores de Antón Pulido. Vigo: Fundación Premios da Crítica Galicia; 228 páxs.