A UNIDADE E A HARMONÍA DA REALIDADE, de Vitorino Pérez Prieto, está a converterse nun dos ensaios de teoloxía mais traducidos da literatura galega. Despois de ser verquido para o castelán e o inglés, está a piques de sair do prelo a versión italiana do libro.

Aproveitamos a ocasión para publicar en IRIMIA esta recensión da obra asinada por Manolo Regal.

Estamos ante un ensaio singular, que chama a atención. Asumín no seu momento a tarefa de lle facer o prólogo, e comparto agora co público de IRIMIA estas cinco razóns polas que creo que paga a pena a lectura deste libro:

1ª.-Porque nos ofrece unha ollada en profundidade, non superficial, sobre a realidade, toda a Realidade, que inclúe a existencia mesma de Deus.

2ª.‐Porque nos ofrece unha ollada, logo, en profundidade e apaixonada. Os que coñecemos o autor sabemos que todo o que foi saíndo da súa escrita abundante, xenerosa, é sempre algo apaixonado. E neste caso non nos decepciona, ao revés.

3ª.‐Porque xunta ciencia e fe, pero non na forma da clásica confrontación destas dúas dimensións coas que podemos observar, analizar e expresar a realidade, e coas que adoito mantemos unha guerra de argumentos para ver quen queda por riba, quen queda por baixo. Non, a relación entre ciencia e fe que ofrece Victorino pretende ser “irmandiña” (fraterna e xusticeira) , é dicir, sitúase como persoa crente do lado da ciencia, do lado de quen intenta observar, descifrar e expoñer a realidad comparando visións, análises e ousando situar a súa opción particular de fe nese contexto cientifico comparando, inserido precisamente nel. A Realidade con maiúscula (o mesmo Deus) sería a expresión máxima, en principio e fin, da lóxica desa realidade con minúscula que configura a existencia de todo o universo.

4ª.‐Porque é un servizo a unha mentalidade crente á que lle axuda a crer sen ter que mostrarse en conflito co mundo científico, aínda que asine todo o visto coa sinatura da fe. E, ao tempo e polas mesmas razóns, un servizo a unha mentalidade científica que lle permite cando menos asomarse sen vergonza ao mundo do que denominariamos Deus, ou foco último da Realidade.

5ª.‐E porque dá un paso en firme no que o mesmo teólogo, Joseph Ratzinger, cando era papa Benedicto XVI, afirmaba nunha entrevista con Peter Seewald, recollida no libro “Luz del mundo” (Herder, 2010):

“Adoito, esa condición de Cristo que vén tense proclamado en fórmulas que, aínda que son verdadeiras, ao mesmo tempo envelleceron. Xa non lle falan á nosa constelación de vida e, con frecuencia, deixaron de ser comprensibles para nosoutros. (…) Polo tanto, debemos procurar dicir realmente a substancia en canto tal, pero dicila de forma nova” .(76‐77)

E a compartir formas novas de expresión e de comprensión do feito relixioso atende tamén o ensaio de Victorino, ensaio ben estruturado e documentado, con temas algo complexos ás veces, pero pedagoxicamente moi ben levados.