Carlos Domínguez Morano (Huelva, 1946) é teólogo, psicólogo e psicanalista. Achéganos neste libro as traxectorias vitais de tres mulleres precursoras da teoloxía despois de Auschwitz. Repasa as súas biografías e analiza o percorrido espiritual de cada unha delas, afondando na cuestión de Deus en relación ao poder.

Coa mesma orixe xudía, os seus camiños de vida espiritual e vital son diferentes. Edith Stein é unha muller apaixonada pola filosofía, que busca a verdade e o sentido da vida. Simone Weil, de personalidade inquietante e complexa, é filósofa, activista, obreira, mística e utópica. Etty Hillesum camiña desde o caos á integración, sen relixión pero cunha espiritualidade que se axeonlla ante o sufrimento humano.

Vendo como o poder se manifesta, onte e hoxe, con toda a súa forza mortífera, estas tres místicas ensínannos que só podemos pensar a Deus como amor que se ofrece desde á máis extrema debilidade. Stein camiña da man de Tareixa de Xesús e a experiencia da cruz; Weil desde o padecemento e a desgraza vivida como presenza e ausencia, atención e espera; Hillesum desde a escoita interior do Deus indefenso, do amor que vence ao odio. Así nolo expresa o prólogo do libro:

Salváronse preservando o máis valioso delas: a súa humanidade profunda, a súa vitoria sobre a dinámica de mal, odio e destrución na que se viron inmersas. Dese modo, convertéronse en testemuñas do mellor do humano. Porque nos seus procesos persoais atopáronse cun Deus plenamente identificado coa fraxilidade e a impotencia dos últimos. Un Deus que se revela, non na forza e o poder, senón tan só no amor impotente e solidario. E é alí onde autenticamente “vencen ao mundo” (Xn 16, 33)

A súa lectura reconcílianos co mundo e con Deus en tempos incertos de sufrimento e desconexión co humano.