Os sinais dos tempos: realidades e urxencias do momento actual

Como crentes, na senda de Xesús de Nazaret, reunidas diferentes comunidades cristiás de Galicia nun “Espazo de Encontro” na primavera en Compostela, reflexionamos nos grupos e sintetizamos os aspectos máis cruciais que entendemos azoutan a vida das persoas, da sociedade e da Nai Terra.

Guerras, nunca xamais!

Condenamos, a xeito de berro profético, a inxusta e lamentable guerra de Ucraína e con ela, todas as guerras do planeta: Afganistán, Irán, Siria, Iemen, Palestina, Etiopía, Haití, Nicaragua, Sáhara Occidental…

Denunciamos que “a guerra é o fracaso da diplomacia, da dialéctica e da razón humanizada”. Séguense acumulando armas e, polo tanto, entendemos que se fai necesaria unha educación para a paz e afirmamos: Non ao armamentismo!

Aplaudimos e enxalzamos a xenerosa solidariedade que a invasión que sofre Ucraína espertou na poboación e nos gobernos europeos. Isto é moi de agradecer, pero dóenos que non se apliquen políticas semellantes en situacións similares tan lamentables e inhumanase como as que fan do mar Mediterráneo un colosal cemiterio.

Viñeta Forges

Humanización do traballo!

Á vista da situación laboral actual, preocúpanos o traballo precario, o desemprego, a sinistralidade, a grave situación da xente autónoma, que se traten de substituír as pensións públicas por plans de pensións privados e a inflación que provoca unha nova crise despois da pandemia, unha máis para a clase traballadora.

Faise necesario que o traballo sexa algo máis ca o xeito de conseguir diñeiro e bens nun sistema capitalista que orixina inxustizas e desigualdades. Cómpre xerar unha cultura de coidados mutuos, de diálogo, de encontro, de acompañamento, de tender pontes.

Preocúpanos a perda de valores fundamentais que sempre caracterizaron a clase obreira traballadora, como a solidariedade, o apoio mutuo e a utopía de soñar con conquistar unha sociedade onde o traballo humanice e dignifique as persoas.

Tamén nos preocupa a perda de confianza da xente traballadora nas organización obreiras. Sen ela non será posible afrontar as graves situacións e sen a unidade da clase traballadora non será posible cambiar a realidade do mundo obreiro.

Manifestación mulleres

Non pasarán por riba dos logros feministas!

Albíscanse negras treboadas polos ceos europeos que tratan de minguar ou destruír os moitos logros que con tanto sacrificio, ardoroso empeño e cunha rexa constancia foron conquistando nos últimos séculos múltiples organizacións feministas.

Foron moitas as mulleres que empurraron o carro da lexítima igualdade, expuxeron a súa propia vida nunha tarefa ardua, con bo siso e sabia elocuencia, mulleres que fixeron doado o grandioso movemento que é o feminismo, un movemento político-social afortunadamente ben arraigado na sociedade, con multitude de persoas moi mentalizadas e concienciadas. Son estas persoas anónimas as que conseguiron e conseguen a promulgación de leis tocando múltiples cuestións: a igualdade entre home e muller, o divorcio, o sexo, as relación das diferentes clases de parella e dos diferentes xeitos de familias etc.

Os logros do feminismo promoven melloras, non só para as mulleres senón para a humanidade e nunca representarán a quebra ou a inferioridade do masculino. Pola contra, sempre engrandecerán a equidade, a nobreza e o respecto entre todos os seres humanos.

Preocúpanos a situación da violencia de xénero, a violencia machista, o incremento da violencia en xeral, do racismo e da xenofobia, así como as burlas nos colexios e a incorrecta utilización das redes e da dixitalización.

debuxo vista cidade

A desigualdade social, o coidado das persoas e da natureza!

Preocúpannos as enormes zonas de fame e miseria, que o poder económico se concentre cada vez nas mans de menos xente, que primeiro sexa a economía e despois as persoas. E saber que existen persoas desempregadas, sen teito, refuxiadas e inmigrantes sen papeis… que non contan.

Unha cultura que potencia o consumo desenfreado, a antropoloxía individualista e patriarcal e a manipulación mediática, destrúe a nosa verdadeira identidade comunitaria.

Que o incremento da poboación mundial se concentre nos países máis pobres e noutros a despoboación, fai aínda máis difícil cerrar as fendas e afrontar os graves problemas que producen cada vez máis desigualdades, pois vivimos nunha sociedade onde cada día a xente rica ten máis poder e cada día hai máis persoas empobrecidas.

Faise urxente un reparto máis equitativo e xusto da riqueza no mundo e que se implante a renda básica, que é posible e necesaria.

Tamén nos preocupa que, a pesar dos grandes cambios que se están producindo, do cambio climático, da desaparición de moitísimas especies, seguimos contaminando e esquilmando a natureza, sen ter en conta que a terra é a nosa casa común e que temos a responsabilidade de deixala nas mellores condicións posibles para as xeracións vindeiras.

Eduquémonos ecoloxicamente, respectándonos e respectando o planeta para que satisfaga as necesidades da familia humana en harmonía coa nai terra e os seres que a habitan.

persoa anciá

Poñer en consideración outra política, a do ben común, a do servizo!

Intranquilízanos moito como se deteriora e desprestixia cada día o xeito de xestionar democraticamente a sociedade, é dicir, a política. Unha política que se pon ao servizo da economía produtiva e que deixa nun segundo plano a educación, a sanidade, o dereito ao traballo, a vivenda digna, o descanso, o ocio.

Entendemos que a política ten que defender os dereitos humanos e poñer sempre a persoa por riba dunha economía que xera iniquidade.

A política do ben común significa empoderamento do pobo, organizado en movementos alternativos socio-políticos en rede. Nestes movementos en rede é necesario espertar as conciencias críticas co sistema para non nos deixar adoutrinar polos medios masivos de comunicación cara ao consumismo egoísta e deshumanizado do ter. Tamén é preciso que sexamos responsables no uso crítico e prudente da tecnoloxía, que non sexa substituta da capacidade humana, senón complementaria; e que actuemos responsablemente cara á humanización da sociedade, cara á dignidade das persoas e cara ao apoio mutuo, sabendo sempre que os gobernantes e mandatarios son servidores das persoas e escoitadores de propostas e de apoio ao ben común. Coñecendo que o ben común inclúe o benestar en todos os niveis dos seres vivos nunha ética colectiva de respecto e coherencia. A persoa é o primeiro!

A actual situación da igrexa

A actual situación da igrexa!

É preocupante a actual situación da Igrexa, a reducida participación de persoas crentes, sobre todo da mocidade, nas parroquias e nas organizacións de Igrexa, no actual Sínodo, así como a postura de parte da xerarquía na Conferencia Episcopal.

É hora de denunciar todas estas graves situacións enumeradas que atentan claramente contra os valores da mensaxe de Xesús, os valores do evanxeo e o proxecto humanizador de Deus.

Queremos resaltar o importante traballo das mulleres na igrexa, non queremos rematar sen dar azos, ánimos e grazas a todas as cristiás que enarboran o estandarte da loita, por facer visible en calidade e igualdade co home a pertenza da muller a todos os ámbitos e categorías da institución; resaltar o traballo que están a facer as mulleres cristiás galegas da “Revolta das Mulleres na Igrexa”. Ánimo e moitos moitos azos. Parécenos importante o proceso aberto coa convocatoria do Sínodo a nivel de toda a Igrexa, por parte do Papa Francisco, que posibilita o facer propostas para transformar a Igrexa universal.