*Manifesto a prol do galego en horas de esperanza debilitada

O día 11 do pasado mes de outubro, o Instituto Galego de Estatística facía públicos os resultados da enquisa estrutural a fogares, levada a cabo durante o ano 2023, sobre o coñecemento e uso do galego por parte da cidadanía de Galicia. Esta enquisa lévase a cabo cada cinco anos; a presente corresponde ao período 2018-2023.

Os resultados foron absolutamente negativos. Non se lle pode quitar ferro aos datos, agarrándose ao suposto de que sete de cada dez galegos se manifestasen capaces de comunicarse na nosa lingua (outra cousa é que o fagan ou non, claro) e relativizando os resultados polo feito de que entre os anos 2018 e 2023 se asentasen en Galicia 115.000 inmigrantes. E tampouco resolve nada afirmar que en Galicia non hai problemas coa lingua, pois temos consolidado un modelo harmónico entre o galego e o castelán, como repetidamente se asegura desde medios oficiais.

Conversa na paia. Lois Soane. 1976
Conversa na paia. Lois Soane. 1976
Calquera que sexa o indicador escollido, os resultados sempre se volven en contra do coñecemento e uso do galego en Galicia. Se for preciso subliñar algúns aspectos importantes, destacariamos os seguintes:

As persoas que saben pouco ou nada de galego aumentan en todas as idades; en cinco anos, as menores de 15 anos pasan do 23,90% ao 32,44%.

Sumando quen fala sempre galego (24%) e quen fala galego máis que castelán (21,5%), teriamos un 45,5%, co que por primeira vez este grupo de galegofalantes queda por debaixo de quen fai o contrario.

No 2018, as persoas de 5 a 14 anos que falaban galego eran un 26,12%; no 2023, son un 16,10%; hai vinte anos, eran o 40%. E neses vinte anos, os monolingües en castelán pasan do 34,17% ao 53,67%. Así, temos falando galego o 46,31% da xente maior de 65 anos, pero só o 6,68% de quen anda entre os 5 e os 14 anos.

Na familia, se no 2018 os pais que lles falaban sempre en galego aos seus fillos de 5 a 14 anos eran o 27,88%, no 2023 só o fan o 16,06%. No mesmo período, os que lles falan sempre en castelán pasan do 36,98% ao 47%.

No ensino obrigatorio, en vinte anos a conversa só en castelán pasa do 61,52% ao 85,20%; e a conversa só en galego baixa do 24,22% ao 4,65%. As clases danse maiormente en castelán nun 29,49% e maiormente en galego nun 13,89%.

E aínda é maior a diferenza no consumo de información, na lectura de libros, no manexo de audiovisuais…

O galego é a nosa fala propia e nela queremos seguir nacendo, vivindo e morrendo.

A realidade, polo tanto, indícanos que as cousas non van ben, que as políticas lingüísticas adoptadas para a conservación e promoción do uso do galego non están sendo eficaces; ao contrario, lévannos de cabeza cara a unha diminución progresiva do uso da nosa fala, que corre o serio risco de se converter nunha lingua maioritariamente algo coñecida, pero case nada falada e case nada escrita.

A cuestión básica é decidir que significa para nós a nosa fala. Non é un apéndice máis da nosa realidade, do que poidamos prescindir sen que nada serio aconteza –tal parece ser a idea de quen hoxe nos rexe–, senón un ben cultural de primeirísima orde, froito do pobo en interacción secular co seu contexto vital, e que, á súa vez, nos constitúe como pobo. Non é, nin debería ser, algo que entre no debate clasista ou de partido, senón un ben común que nos une e singulariza, que todos debemos defender, usándoo con absoluto coñecemento e normalidade, sen excluír para nada –ao contrario– o manexo conveniente do castelán e doutras linguas.

Ao non ser así vista, a fala galega está en debilidade, en grande debilidade. E, se está en debilidade, non valen medidas que poderían funcionar para un corpo cultural en forma. Non vale a equidistancia entre galego e castelán en Galicia, porque aquí, durante séculos, se estivo violentando o galego no máis íntimo do pobo, inoculándolle o sentimento absurdo de que a nosa fala, sabio elemento cultural identificador do pobo, era cousa de pobres paifocos. Que o galego perda presenza entre nós débese, en boa medida, a ese teimudo envelenamento da conciencia popular, ao que se suman seguramente razóns de tipo político.

Ilustración Castelao. Biblioteca de Galicia Abanca, Santiago de Compostela
Castelao. Biblioteca de Galicia Abanca, Santiago de Compostela
Cómpre tomar medidas eficaces para reverter este deterioro; medidas que están en boa parte nas mans do goberno galego, se tivese conciencia de que a lingua é o que dicimos que é. É urxente elaborar un novo Plan Xeral de Normalización Lingüística, consensuado polos partidos políticos e polas plataformas cidadás interesadas na nosa fala. Este plan deberá incluír medidas que teñan que ver, primeiramente, co ensino e coa oferta televisiva, sobre todo para a infancia; tamén medidas para promover o san orgullo, razoado, de ter unha lingua propia, con incentivos que empuxen cara ao uso do galego en calquera ámbito. Ademais, é imprescindible o convencemento idiomático de quen nos goberna. Ante o tema da lingua nunca transmiten paixón en ningún ámbito social. Poderiamos sospeitar que no seu día a día o galego non existe. E quen non ama, non pode transmitir paixón.

É oportuno chamar a atención á Igrexa galega no referente ao uso da lingua.

Con todo e iso, non é só problema do goberno galego. ¡Cantas ganas de que así fose! Moitísima xente de Galicia ten moi relativizada a importancia do galego. Herdando o autoodio lingüístico, sen recibir unha formación e información axeitadas sobre o significado da lingua propia e facendo do uso do galego un problema de política partidista, é moi difícil que unha persoa se sinta orgullosa falando galego. “¡Se todos nos entendemos en castelán!” Así, canto máis avance o empoderamento do castelán, máis complexo será resolver o problema.

E non deixa de ser significativo que tamén en Galicia sexa importante a presenza de xente inmigrante latinoamericana, que ás veces se incomoda ante a proposta de aprender galego. Cómpre potenciar con tino e apoio esa aprendizaxe para favorecer a súa inclusión real.

Como quen escribe e ofrece este manifesto é a Asociación Encrucillada, que publica a revista Encrucillada, como “revista galega de pensamento cristián”, consideramos oportuno chamar a atención ao conxunto da Igrexa galega no referente ao uso da nosa lingua. A Igrexa, en xeral, sempre se mantivo á marxe da cuestión…, aínda que persoas e grupos concretos de curas, monxas e segrares, con algúns bispos polo medio, fixesen da normalización do galego un criterio de fidelidade ao pobo e un servizo tamén evanxélico.

Manifestación a prol do galego
Manifestación a prol do galego. Fonte: Infolibre
No Concilio Pastoral de Galicia, no ano 1976, aprobáronse importantes pautas para a normalización xeral da lingua galega na práctica eclesial. Un ano antes, o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Miguel Anxo Araúxo Iglesias, escribira a senlleira carta A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega, razoando o sentido do uso do galego na práctica eclesial e urxindo a súa normalización. Déronse algúns pasos: publicouse a Biblia en galego, e tamén os Leccionarios e diversos Rituais dos Sacramentos; pero, quitado nas Delegacións de Catequese, non se elaborou ningún proxecto de normalización que comprometese as cinco dioceses galegas. Todo quedou na man de cada quen. A liña conservadora que se foi impoñendo nos seminarios galegos fixo que esta cuestión carecese de significado. Sería importante realizar unha enquisa seria que permitise ver ata onde o galego está excluído da Igrexa.

Que o galego perda presenza débese ao envelenamento da conciencia popular e razóns de tipo político

Ademais, no momento actual, coa escaseza de clero, estase favorecendo a presenza de curas sudamericanos, que son incorporados á práctica pastoral sen a máis mínima urxencia de coñecer e respectar, para ben integrarse, a realidade social, cultural e lingüística da nosa Terra. Quédanos a esperanza de que isto si se tome en serio no Seminario Interdiocesano, formado polas dioceses de Mondoñedo-Ferrol, Santiago e Tui-Vigo. Para iso, existe abundante e valioso material. E a figura dos novos bispos galegos é motivo de esperanza.

Non queremos pechar este manifesto remexéndonos na desesperanza. A normalización do galego atópase con serias dificultades entre a poboación galega. Pero tamén é certo que existe un número importante de galegos e galegas que levamos no corpo e na alma o simple agarimo polo noso e a vontade firme de o converter en algo gozoso, diario e normal, así coma o pan de cada día. Somos persoas galegas, o galego é a nosa fala propia e nela queremos seguir nacendo, vivindo e morrendo. E para que iso poida ser posible publicamos este manifesto, invitándote a que, como individuo ou como colectividade, te sumes a el e a que o espalles ata onde poidas.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2024
Asociación Encrucillada na festa de San Martiño de Tours
Asociación Encrucillada
www.encrucillada.gal

Nota:
* Este manifesto da Asociación Encrucillada nace a partir dos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego e busca ser unha contribución á reflexión e acción en defensa do galego, convidando á súa lectura, difusión e apoio, como parte dun esforzo colectivo pola supervivencia e dignidade da nosa lingua.