Mero Iglesias. (https://www.elprogreso.es)
Antes de nada, sitúanos por favor naquel contexto
Pois pasou que moi logo da sublevación militar-fascista en xullo do 36, tan violenta en Galiza, centos de persoas que resistían e estaban ata entón agachadas, deciden fuxir ao monte. No norte da Coruña e Lugo así como entre León e Ourense crean incipientes estruturas de resistencia guerrilleira. En 1945 e 1946, o PCE estrutura o Exército Guerrilleiro de Galiza, dividido en 5 agrupacións. As máis activas resultaron ser a 4ª agrupación, a da Coruña, e a 2ª, de Ourense. Cómpre salientar o apoio popular das súas accións e a súa permanencia no tempo, deica os primeiros anos cincuenta, como única oposición real ao franquismo. Pero era unha loita desigual, cunha represión brutal e cun final tremendo, claro.
O 21 de abril de 1947, gardas civís rodean a casa onde se refuxian os combatentes da 4ª agrupación
E nesa represión é na que se inscriben os feitos concretos que se lembran?
Si. Cóntao ben Bernardo Máiz, que estudou a Causa 200/1947, da Coruña. O 21 de abril de 1947, logo da detención de setenta persoas da comarca de Ordes e indo cara ao Pumariño, no Fontao (en Abellá, Frades) ducias de gardas civís rodean a casa onde se refuxian os combatentes da 4ª agrupación guerrilleira. Tentan saír do cerco e, nesa tentativa, caen tres guerrilleiros do destacamento “Manuel del Río Botana”, da 4ª Agrupación “Pasionaria”. Conseguen fuxir Emilio Pérez Vilariño e Juan Couto Sanjurjo. Os caídos foron: Manuel Ponte Pedreira, chamado tamén Xastre -pola súa profesión-, Negro, Pintor, Maricielo. Nacera en Frades en 1911 e residía en Ordes. E Manuel Díaz Pan, co alcume de Rogelio, que nacera en 1918 en San Pedro de Nós. Era carpinteiro e afiliado á CNT, despois ao PCE. O seu irmán José María tamén morrerá despois na guerrilla en Vilarmaior, en 1951, e o seu outro irmán Francisco estivo encarcerado e acompañounos, mentres viviu, moitos anos, neste acto da celebración da Memoria en Abellá e no Fontao, onde os mataron e onde puxemos unha pedra, feita por Valdi, cunha inscrición na súa lembranza, no ano 2009.
Lugar de Fontao, Frades. (https://cartasdesdeelmonte.wordpress.com)
E falta un terceiro Manuel…
Si. O terceiro foi un rapaz ben noviño, Manuel Rodríguez -Suárez?, Gundín?- Non se sabe o segundo apelido con certeza, pero tiña o alcume de O Asturiano ou O Chispas. Nacera en 1928 e viña de familia duramente represaliada.
Como vai a haber “concordia” sen “memoria”? Como reconstruír unha democracia, sen amparar as vítimas do fascismo?
Aquelo foi o principio do final
Algo así, xa que entre marzo e outubro de 1949, caen en Chavega, Monforte; en Remesar, Bóveda; en Pazos de Monfero, tamén a Guerrilla ourensá, …morreron trinta e cinco combatentes antifranquistas galegos. Entre a primavera do 50 e do 51, marchan a Francia os responsable da Guerrilla e do PCE, caen as bases guerrilleiras, a Guerrilla perdeu outros trinta e un combatentes. E entre 1952 e 1955, Benigno Andrade, O Foucellas, foi agarrotado na Coruña, en agosto do 52, e Francisco Leira “Pancho” morre en Pontedeume o 31 de decembro do 54 …
Como vén sendo esa celebración anual?
Basicamente hai un emotivo acto de homenaxe no cemiterio de Abellá, alí onde tiraron os corpos sen vida e abatidos a tiros de tres persoas que se opuxeron ao terror e ao medo, que loitaron ata a morte. Hai unha ornamentación de bandeiras e de flores, coas interpretacións musicais de Raúl Galego e tamén, no mesmo Cemiterio, breves intervencións con lectura de poemas, con recordos e mensaxes que refresquen a memoria e celebren as accións de toda a xente que, coma eles, dixeron Non a aquel abuso. E así xuntámonos desde hai máis de vinte anos coas familias de Ponte – a filla, Maruchi e a neta, Clara-, tamén coa familia de Díaz Pan, sobriños e amizades. E durante moitos anos coa presenza do lembrado irmán Francisco que contaba, en diálogo emocionado, aquelas “pequenas” cousas e anécdotas da fértil intra-historia, tan clarificadora. Si, mágoa de Francisco, para recordármonos unha vez máis como foi aquilo dos gardas que, diante da súa nai, os acusaban de ladróns. E ela contendo as bágoas contestou afirmando que ladróns eran os que lles roubaran as botas, pois apareceran descalzos.
© Fonte de foto: https://www.facebook.com/IrmandadManuelMaria
A razón de ser da memoria histórica (“memoria democrática” na lei aprobada en Cortes), volve ser cuestionada por gobernos autonómicos de dereita (PP) e ultradereita (VOX), que reivindican unha “concordia” no canto dunha “memoria”
Como vai a haber “concordia” sen “memoria”? Como reconstruír unha democracia, sen rescatar, sen amparar aos milleiros de vítimas do fascismo que deron a súa vida precisamente pola democracia, pola legalidade republicana? A “Memoria Democrática”, que non cumpriu sequera dous anos, xa foi desnaturalizada por negacionistas daquela brutal vulneración da orde social e a democracia. É unha arremetida dos partidos que negan o ocorrido e que silencian o pasado cambiando a natureza dos sucesos como fixeron nos vellos manuais deturpadores que pensabamos superados. Xa cansa tanta mentira, tanto crime soterrado en foxas comúns. Xa abonda de ter vítimas de primeira e de terceira. Isto é serio. Debemos considerar firmemente que, se controlan o pasado, son quen de controlar o futuro. Non podemos permitir que adulteren os sucesos, que cuestionen a verdade. Hoxe están borrando placas conmemorativas dos nosos lugares públicos, hoxe anulan leis -onde gobernan- e branquexan aqueles tempos de opresión e morte. Hoxe estes populismos que prometen un “mellor pasado”, ocultan a verdade e esquecen o sucedido tapando a súa culpa. O pasado é moi vulnerable, ben o vemos.