
Luis Trigo nun enterro laico en Mondoñedo. Abril de 1936.
© Foto: Público
O teu avó, Luís Trigo Chao, coñecido como “O Gardarríos”, foi unha das figuras máis emblemáticas da guerrilla antifranquista galega. Como influíu na túa vida saber que eras a súa neta?
Pois mira, eu nacín no 1946 e a el matárono no 1948. Entón quedei cos meus pais, pero eles marcharon e eu quedei na aldea onde nacín, en Vicelo, en Cabanas de Río Barba.
“A miña loita é pola memoria política, non polo sentimentalismo”
Cando era cativa, como el aínda estaba vivo, viña a Garda Civil e rexistraban a casa enteira. Pero esa era a miña normalidade. Eu non sabía que había outra vida, entón era feliz. Desde pequena tiña claro quen eramos e o que nos tocaba vivir. Nós preparabámonos para iso: sabías que se levaban a alguén, lle daban unha malleira, pero era un valente. E tiñas que ser valente tamén.
Eu son a persoa que son porque a miña nai me deixou alí. Ela marchou a Chantada e nunca falou do asunto. Morreu sen nunca perdoar ao seu pai. Culpábao de todo: da cadea, da miseria… Non o quería. Iso marca.
Despois, cando tiven que marchar da aldea para estudar en Chantada, sentinme como desterrada. A miña liberdade acabou. Sempre tiven Cabanas como a miña terra prometida.

Arqueólogos nunha das fosas do cemiterio de San Breixo de Celanova (Ourense).
© Foto: RTVE
Como foi a túa vida profesional?
Estudei maxisterio. Marchamos para Madrid e alí expedientáronme pola Sección Feminina. Fixen substitucións de profesoras embarazadas preto de Chantada. E nada máis. Moi breve.
O teu avó foi asasinado nunha emboscada en 1948. Sabedes onde están os seus restos?
Si, matárono na noite de San Xoán de 1948, en Vilanova de Lourenzá, xunto á súa compañeira Antonia. Están enterrados alí. O pobo fixo un monumento e todos os anos facemos unha homenaxe o sábado máis próximo ao día de San Xoán.

Homenaxe a Luís Trigo e Antonia Díaz, no cemiterio de Lourenzá, onde repousan os seus restos
Segundo os últimos datos, en Galicia hai rexistradas máis de 460 fosas de vítimas da represión franquista, pero só se interveu en arredor de 40. Cres que existe unha desidia institucional?
Si, en moitos lugares. Outro día estivemos en Celanova, colaboro con moitas asociacións. O grupo de memoria de Celanova é fantástico. Fomos porque se sabía que alí había 90 represaliados, fusilados. Estiveran presos no mosteiro de Celanova. E hai moitos máis porque o monte Furriolo, está cheo de ósos. Levábanos alí, deixábanos tirados e a xente enterrábaos onde caían.
Concretamente, creo que 32 dos 90 eran asturianos, e viñeron unhas 16 familias. Algunhas puideron identificalos… Pero nalgúns casos, nin iso se pode facer porque os ósos están moi deteriorados.
“O meu avó morreu por aquilo no que cría”
Eu sei que isto doe a moitas familias, porque queren atopar os seus, pero para min iso é secundario. Morreu por unha causa, e iso é o que hai que lembrar. A maioría morreron sen apoio da Igrexa. Eu estou totalmente en contra do que se está facendo. España é o único país onde se están facendo exhumacións sen que haxa un xuíz presente, e o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos xa chamou a atención sobre iso.
É unha aberración. Pronto non quedarán fosas. Hai asociacións que poñen un monumento e lembran o que pasou, pero outras levantan os cadáveres e xa está. Para min é puro sentimentalismo.Non se trata só de levantar cadáveres, morreron por unha causa.

Labor de divulgación de Fernanda Cedrón, ao longo da súa vida
Que mensaxe lle darías ás novas xeracións sobre o valor da memoria?
É fundamental. Eu tiven a sorte de vivir na aldea. A xeración dos nosos pais foi a do silencio. E iso é o que impón o fascismo: medo. E o medo paraliza.
Eu entendo ese medo: cadeas, mortes… Pero non nos transmitiron nada. Calaron case todos. É raro atopar transmisión. Se estás a facer entrevistas, verás que moita xente di que se enterou pola foto dun avó, ou por alguén que lles contou algo…
Aquí non houbo un proceso como en Alemaña. Alí houbo o Tribunal de Nuremberg. Aquí, Franco aínda ten homenaxes no Valle de los Caídos. Hai monxes alí. A Igrexa foi cómplice.
Aquí, na transición, que queres que che diga? Ves o documental da morte de Franco: todos chorando. Ao día seguinte todos eran demócratas. Sen unha soa reparación.
Toda a xente que promoveu e financiou o golpe de Estado son os que están hoxe no IBEX 35. Coidado. E o PSOE, que se di republicano, foi clave para manter esta monarquía corrupta. Os Borbóns sempre o foron. Dicímonos un Estado laico, pero seguimos financiando a Igrexa. Só España fai iso en Europa.

Fernanda Cedrón, neta do Gardarríos.
© Foto: Marina Miser. La Voz de Galicia
Cres que hai compromiso entre a xente nova?
E os mozos, sen información, non poden facer nada. Cando lles doe o zapato, reaccionan. Pero se non saben nada…
Fixemos charlas en institutos coa Nova Escola Galega. Os rapaces alucinaban, non sabían nada. Como van implicarse se o descoñecen?
Pero eu confío neles. Sei que é unha loita perdida, pero quero morrer así. Levo toda a vida loitando por isto. Non se trata de dicir “pobre do meu avó”. O meu avó morreu por aquilo no que cría. E sabía que arriscaba a vida. Iso é moito máis importante.