Este texto, orixinalmente para unha revista en castelán, foi escrito por Marisa Vidal Collazo, da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Un relato histórico e reivindicativo que narra o nacemento do movemento sufraxista nos Estados Unidos, a loita pola igualdade de dereitos e o papel pioneiro das mulleres na revisión crítica da Biblia desde unha perspectiva feminista. Esta é unha primeira parte, cuxa segunda parte continuará na Irimia de Marzo.
Lucretia Mott e Elizabeth Cady Stanton son invitadas a tomar o té na casa de Jane Hunt en Waterloo
13 de julio de 1848: Lucretia Mott e Elizabeth Cady Stanton son invitadas a tomar o té na casa de Jane Hunt en Waterloo, para discutir os dereitos da mulleres

Son Elizabeth Cady Stanton, teño 25 anos, son neoiorquina, filla dun home de leis protestante. Non recibín formación académica, pero formeime na biblioteca do meu pai. Hai pouco casei con Henry Stanton, un activo abolicionista. Con el vin a Londres, a esta convención mundial antiescravista na que acabo de coñecer a Lucretia Mott. É unha cuáquera valente, capaz de alzar a súa voz ante congresistas, terratenentes escravistas ou nesta sala. Está moi enfadada (…)

“As mulleres teñen unha constitución física non apta para as reunións públicas”

Acabada a reunión, nos corredores do Exeter Hall, Lucrecia recítame parágrafos enteiros da Vindicación dos dereitos da muller de Mary Wollstonecraft (1792). Volvemos aos EE.UU falando de como iamos organizar ás mulleres para esixir os nosos dereitos… Pasa o tempo e trasládome coa miña familia (dei a luz a 7 fillos) a Seneca Falls. Desde alí, farta da vida doméstica, empezo a escribir cartas a diferentes mulleres inquietas animándoas a participar nun cambio social. (…)

Movemento polo sufraxio feminino
Movemento polo sufraxio feminino. Bettmann/Getty Images
En xullo de 1848 volvémonos ver na casa dunha amiga de Lucrecia, Jane C. Hunt. Á reunión tamén asiste Isabel McClintock e as catro empezamos a organizar a primeira reunión feminista dos Estados Unidos. Convocamos un grupo de traballo o 19 e 20 de xullo de 1948 na capela metodista da miña cidade, en Seneca Falls. A partir da Declaración de Independencia do noso país, proclamada o 4 de xullo de 1776, por comisións, redactamos a Declaración de Sentimentos e Resolucións de Seneca Falls, que asinamos as 100 persoas alí presentes, 68 delas mulleres. Na declaración pedimos non só o voto, tamén igualdade no matrimonio, igual salario, posibilidade de representarnos legalmente e o dereito a ser elixidas para un posto público. Estabamos facendo oficial o nacemento do movemento sufraxista!

Farta da vida doméstica, animo ás mulleres a participar no cambio social.

A partir dese momento foi un non parar… Debates e máis debates nos que destacados teólogos argumentaban a nosa inferioridade acudindo á Biblia. Lucrecia Mott, de novo brillante, rebate os seus argumentos afirmando: “Non é o cristianismo, senón o sacerdocio o que someteu á muller como nos atopamos hoxe. A Igrexa e o Estado uníronse, e é bo darse conta”. Estala a Guerra Civil no meu país (1861-1865) e na posguerra os argumentos máis conservadores impóñense na sociedade americana. Coa miña amiga Susan B. Anthony, opuxémonos a apoiar a 14 e a 15 emenda á Constitución que pretendía dar o voto aos homes afroamericanos antes que ás mulleres. Isto provocou un cisma no movemento sufraxista.