Un día de abril, en Compostela, na sala habilitada para o público no xuízo do Alvia, declaran vítimas do tren. Jesús (Cotolo), presidente da Plataforma de Vítimas, declara que cando foi quen de estar algo mellor, preguntouse o porqué daquel mal chamado accidente e de aí, con todo o que ía descubrindo, creou con outras persoas a plataforma. Estou soa na sala e lembro a Moncho Valcarce: estaría aquí ao meu carón para evitar que se perdan no caixón do esquecemento, como tantas outras causas que día a día nos desafían.
E non lle puxeron o seu nome a un colexio porque disque era alguén pouco coñecido
Vou a Culleredo, ao concello, e subo as escaleiras. Xusto diante da porta do despacho do alcalde, atópome outra vez con el, nun cadro, a imaxe de Moncho, honesta e comprometida. Oxalá o qlue entra nese despacho todos os días, aprendese un pouco do que foi Moncho no Concello de Culleredo, polo que tanto traballou e do que segue a significar para toda Galiza. Pero isto sería xa conto doutra historia, como que non lle puxesen o seu nome a un colexio porque disque era unha persoa pouco coñecida.
Comezaba coas vítimas do Alvia porque un dos primeiros rogos nun pleno de Moncho Valcarce foi para referirse ás Encrobas e ao que alí estaba a pasar, para que o pleno se solidarizase cos feridos e detidos.
Ten que saberse: houbo un tempo no que a rapazada de Culleredo, na parroquia de Rutis, non tiña colexio. Non. Había un par de baixos (por chamalos dalgún xeito) nos que tiñamos clase. A creación do colexio Sofía Casanova, así como outras escolas para os máis cativos, fixéronse grazas ao seu compromiso. Os concursos literarios, a lingua galega na Administración pública ou a memoria, propoñendo o nome da rúa Emilio Suárez Valdés , alumno da Universidade Laboral, que morreu electrocutado colocando unha pancarta de loita polos intereses das clases populares galegas.
Podería seguir debullando detalles da súa capacidade non só de estar ao carón de quen máis o necesitaba, mais tamén daquel especial carácter da súa actuación institucional: a política como servizo fronte á política como lucro, a política ao servizo da veciñanza. A política como acción que vai precedida da concienciación máis profunda. O amor á terra. Terra para a que foi semente, semente para moitas veciñas e veciños. ¡
Deixas un fondo ronsel nas nosas vidas. Seguimos a túa loita, a nosa loita.