Empecei a escoitar a Moncho Valcarce no ano 1977, en grandes manifestacións, asembleas labregas e nalgúns mitins. Xa nos 80 coincidiamos en reunións, actos, algún encerro, tomar algo etc. E cara ao final dos 80 e primeira parte dos 90 até cerca do seu pasamento, á parte de compartir o activismo, faciamos por xantar xuntos dúas veces ao mes.
Fun un privilexiado. O escoitar e partillar con persoas referentes na teoría e na práctica da loita social, galegos, ou de moitas partes do mundo, créache unha actitude na vida: ser un cidadán non moldeable polos grandes poderes e útil no traballo colectivo a prol de condicións dignas para as máis desfavorecidas, traballadoras en xeral e labregas en particular. E un dos imprescindibles para min foi Moncho Valcarce.
Moncho é moi coñecido pola súa participación nesas loitas históricas. Axudaba a organizar, participaba, lideraba, como o comunicador excelente que era, tanto na acción política nacionalista como entre os cristiáns de base. Todo iso é ben coñecido e se non o é, velaí a web da “Irmandade Moncho Valcarce”.
Gustaríame destacar do Moncho a súa actitude positiva e próxima. Como, pese a ser crego, licenciado en Dereito e Teoloxía e vir dunha familia da burguesía coruñesa, relacionábase con todas as capas sociais urbanas e rurais, nenos e maiores, poñéndose ao seu nivel para entender e animar, “iso si, sen renunciar aos seus principios”.
Hai detalles reveladores: na Facultade de Teoloxía de Roma, foi un dos lideres da primeira folga nesta facultade. Nos conflitos duros, á parte das reunións, gustáballe visitar as casas para saber como entendían a reivindicación, que estaban dispostos a facer, e xerar a confianza para seguir. Nos seus actos relixiosos, o mesmo quedaban encantados unha parella de activistas pouco relixiosos, que lle pedían a cerimonia do casamento -algúns coñecidos meus-, que as máis beatas do lugar. Cando foi concelleiro en Culleredo -que se o PSOE respectara o pacto, “debería ser alcalde”-, na súa área de cultura, chegado o verán, xa tiña executado o orzamento, andaba a buscar máis e tamén como facer actividades sen custo, para que a xente seguise tendo cultura e diversión.
Xa nas Pontes contábame nos xantares como daba o catecismo tipo conto, para que os nenos o vivisen e lles fose máis fácil. Ou tamén como a directora do Instituto Concertado, que era do Opus, lle entraba cando estaba na clase de relixión e dicíalle que se equivocara. Un día comentoulle á rapazada: “Esta directora moito se equivoca!”, e dixéronlle eles: “Non se equivoca, é que te vén vixiar!”.
Nas comidas, como eu fose ao baño, cando volvía, xa estaba con todo a énfase partillando coa mesa do lado. Un día deses estaba cun rapaz que non coñecía e ao que lle gustaba o baloncesto, e xa estaba a ver como montaban o equipo que non había.
En fin, cando había conflitos persoais nas organizacións ou nas coordinadoras de loitas, el tentaba o entendemento, e sempre dicía que el ía estar alí onde se loitase polas necesidades e a dignidade da xente.
Moncho aparece en publicacións e vídeos defendendo o modo de produción labrego, baixo en insumos exteriores, de proximidade, propoñendo a venda directa sen intermediarios e argumentando en consonancia co que pode ser hoxe a agro-ecoloxía, a agricultura rexenerativa e a soberanía alimentaria dos pobos (nada menos). Por iso, sendo crego, tiña o carné número un do Sindicato Labrego Galego- Comisións Labregas, e seguiralle pertencendo.