“A calidade da relación é o que dorme no cerne do encontro “eucarístico” igual que nas nosas mesas, nas nosas festas. O que Deus Pai e Nai quere para nós, e Xesús manifesta, é precisamente o achegamento entrañable, que vive nas entrañas, no ser humano”

Unidos para ser repartidos

Falar de comuñón lévanos ao “común”, á “unión”; á unidade de realidades dispersas para ser partilladas. Podemos pór en común traendo algo cadaquén, e tamén desde a comuñón repartir para moitas persoas e lugares. Do que xuntamos nace o que partillamos; e de aí bótase a andar unha xeira de dar e recibir que pode ser perpetuo nun lugar concreto, ou virtual. As novas tecnoloxías aprendéronnos que a presenza pode comunicarse e permanecer de moitos xeitos. A Presenza é teimuda, non se deixa destruír, nela é onde se dá a Comuñón.

A primeira comuñón

No encontro profundo da fusión de dous seres dáse a comuñón que trae un novo ser á vida. Facer o amor é realmente comungar coa vida que arela repartirse no fondo do noso corpo, no mesmo espazo onde mora o Santo Espírito en nós (Mt 6,6), que non flota por enriba como un globo senón que mora en nós: a trindade ti, eu, o amor. Vimos de fábrica para partillar e comungar. Falar de comuñón é falar de amor, con todas as súas infinitas e variadas formas: se é amor hai comuñón.

Por iso, imos aquí estender o fío cara a ese inicio de todo amor, ese enganche primixenio do bucle que Xesús veu desenvolver. Non comecei falando de Deus, da Misa, de sagrarios, hostias e patenas porque coido que falla moitas veces, na comprensión da eucaristía, o feito e a intención primixenia. Falla xusto o que non debía fallar: a memoria.

Aquela xuntanza arredor dunha mesa, na que se canta, se reza, se come e se bebe, todo como manda a tradición pascual hebrea, é unha das moitas que Xesús e os seus amigos e amigas tiveron ao longo de varios anos. Acabarían contando contos das andanzas varias, da xente que atoparon, do que viron e oíron, o bo e o menos bo. A mesa adoita ser un bo lugar para re-cordar, para traer brevemente de volta ao corazón, facer presente, a quen xa non está, polo poder do agarimo, decatándonos de que cadaquén ten o seu propio lugar, á súa maneira.

Xesús e compañía tiveran moitas mais ocasións de xantar e cear das que sabemos. Como a famosa romaxe onde houbo que dar de comer a cinco mil.

Por suposto, podemos traer aquí os discursos que Xesús faría daquela…, contados moitos anos despois por autores que procuraban explicar e elevar o nivel ao seu modo, adaptándoo para a súa xente e o seu lugar, engadindo teoloxía a ese momento que se foi perpetuando, repetíndoo unha e outra vez.

A fracción do pan, que era como se lle chamou ao comezo ao que nós chamamos hoxe misa, foi desde aquel momento un xesto de identidade, pero se relemos atentamente os Evanxeos atoparemos non menos de seis relatos de multiplicación de pans e peixes, encontros romaxeiros de miles de persoas. Vemos a Xesús comendo e bebendo e mesmo sendo acusado de lambón e bébedo. Comer e beber fíxose acto revolucionario, procurando unha coherencia na encarnación.

A calidade da relación é o que dorme no cerne do encontro “eucarístico” igual que nas nosas mesas, nas nosas festas. O que Deus Pai e Nai quere para nós, e Xesús manifesta, é precisamente o achegamento entrañable, que vive nas entrañas, no ser humano. Mais, como dixo Paulo de Tarso, está teimando en protexer ese tesouro que levamos en vasos de barro; e só quen nos fixo sabe que isto é certo.

Ese tesouro foi dado para á multitude e conviría quizás cuestionar ese rigor de patente rexistrada e por riba de monopolio absoluto que lle puxo a Igrexa católica. Se algo se logrou coa ritualización da eucaristía foi quitarlla ao pobo e facer que este se apartase, e moito, dela.

Aínda falando de corpos

As palabras que nos contan que dixo Xesús naquela cea derradeira, son sorprendentes e, de entrada, causan estupor a ollos de non iniciados, xente de fóra dese tempo e desa cultura. Se as palabras que hoxe chamamos da “consagración” foran boas de entender e diáfanas, non terían sido tan estudadas; e poida que isto explique en parte por que foron tan doadas de sacralizar como fórmula máxica. Temos que sachar un pouco máis e afondar; procurar conectar co que Xesús buscaba na véspera de morrer. Quería manter a súa presenza, formando parte da vida e dos corpos da xente querida.

Na Comuñón como participación nunha presenza do outro, da outra, dun xénero, o humano, os demais inventos sobran. Como vacina contra a división que non a diversidade, esta necesaria para que a relación e o compartir sexan posibles. Relación e compartir que non se poden dar se non temos corpo, mans para dar, un corpo para o amor xeneroso e gratuíto. Unha boca para dar grazas. Un corpo capaz de solidarizarse con canto existe, o cosmos, capaz de pasar sede e fame. Dicídeme, quen é o deus dos famentos e dos sedentos de pan e de xustiza? A resposta é o lazo da unión indispensable e inevitable. A Deus grazas!

Lectura recomendada:

Un libro imprescindible, La mesa compartida. Estudios del Nuevo Testamento desde las ciencias sociales, Rafael Aguirre (Sal Terrae).

“Unha das características máis importantes de calquera cultura son os seus rituais na mesa. Cada cultura establece con quen se come; que se pode comer; como, onde e cando facelo; e en que orde deben sentar os comensais. A mesa compartida estuda as comidas de Xesús no Evanxeo de Lucas e as da comunidade cristiá nos Feitos dos Apóstolos, á luz do que revela a antropoloxía cultural sobre o significado das comidas no mundo mediterráneo do século I.”
qr libro La mesa compartida. Estudios del Nuevo Testamento desde las ciencias sociales